Site icon E.F.F. Rosalia

0-4: A EFF Rosalía clasifícase para a segunda fase e seguirá loitando polo ascenso

O sénior venceu a Peñasco cun golazo de Fara, dous de Sabela e outro de Lidia.

A Escuela de Fútbol Femenina Rosalía logra o billete aos oitavos para seguir loitando polo ascenso á Primeira División Autonómica Feminina. As de Tobaruela impuxéronse por cero a catro ao Peñasco con goles de Sabela (2), Fara e Lidia. As azuis saíron ao Federativo de Coia cunha presión alta e moita personalidade. Proba diso as poucas ocasións que concederon ás viguesas.

As locais arrincaron o encontro creando perigo por medio da sua goleadora. Tamara probou os reflexos de Rocío cun tiro que a gardameta atallou sen problemas nada máis comezar. Transcorrían os minutos e as pontinas empezaron a impoñer o seu estilo de xogo e tiveron a primeira ocasión de abrir o marcador pasado o cuarto de hora. Tras unha boa combinación en ataque, Fara centra para que Feijóo remate de volea pegado ao pau. Dous minutos despois, foi a ’20’ azul a que probou os reflexos de Iker, o gardameta vigués blocou o seu tiro. Reaccionou o equipo local na ocasión máis clara das locais no partido. Allyson Fiorella, no 28′ remata un córner pero o seu tiro estrelase no poste, no conseguinte contragolpe, Noui plántase cara a cara con Iker, que gaña o duelo.

Golazo de Fara
As de Tobaruela seguían chegando ao área rival e a insistencia tivo premio no 38′. Foi un golazo. A media-punta recibe de costas en 3/4 de campo con Andrea pegada, realiza un chapeu e plántase soa ante Iker e non falla cun tiro esquinado. Antes do pitido que sinala o descanso, Sabela avisa das súas intencións na segunda metade. Internada de Lidia desde o sector dereito, o seu centro remátao a barbadesa á cruceta.

A segunda metade comezou do mellor xeito, as visitantes intentaron sorprender de saída. Na primeira aproximación nada máis renovarse o encontro Sabela recibe un centro de Lidia no área, regatea a Andrea e cruza o balón onde non chegan Marcos e Iker. Con todo, Peñasco seguiu intentándoo, novamente a balón parado. O tiro de Andrea deteno Rocío sen problemas no 58′. Desde ese instante as azuis tiraron de oficio e souberon xogar do xeito máis eficaz posible para sentenciar.

O equipo estivo arroupado por numerosos afeizoados.

Sentenza en 10 minutos
Outra gran xogada de Fara termina nun man a man de Zaira que Iker rexeita pero remacha Lidia ao fondo da rede (0-3, minuto 61′). Sete minutos despois, avisou Feijóo á saída dun córner cun remate de cabeza pegado a pau. Na seguinte chegada, noutra xogada a balón parado, a sentenza. Fara saca desde a dereita, Iker rexeita no área e Sabela, moi atenta, leva o balón á rede cun chut lonxe da estirada do gardameta local. Co tempo case cumprido, Iker brillou tralo remate de Fara, demostrando por que é un dos mellores gardametas da categoría. Vitoria e a seguir buscando o ascenso a Primeira. A mañá non podía terminar do mellor xeito para as pontinas que, grazas a un bo partido, lograron o pase para a seguinte rolda. As azuis mediranse ao Noia.

Exit mobile version