1-1: Empate no último desprazamento da liga regular

Noui adiantou ao Rosalía na primeira parte e María igualou para o Arenteiro tras o descanso nun derbi ourensán moi disputado.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía sumou un punto que sabe a pouco na súa visita ao Arenteiro no último partido a domicilio da tempada regular. O derbi ourensán terminou con empate a un na Uceira, nun encontro moi competido e marcado pola igualdade entre dous equipos que se mediron con intensidade desde o inicio.

O conxunto dirixido por Alberto Tamayo foi asentándose aos poucos no partido e conseguiu facerse co balón durante a primeira metade. As defensas impuxéronse aos ataques e as ocasións claras tardaron en chegar. Ester probou a Karla cunha falta directa no 18’, mentres que Sampi respondeu para as visitantes cun disparo desde a frontal que blocou Paula sen problemas. O conxunto pontino foi crecendo co paso dos minutos. Mihret tivo unha boa opción tres minutos despois da media hora de xogo, pero o seu remate desde o punto de penalti detívoo Paula. Pouco despois, unha falta executada por Candela terminou cun disparo de Noui que tampouco conseguiu sorprender á gardameta local.

O premio ao dominio visitante chegou no minuto 40′. Candela filtrou un bo balón en profundidade para Noui, que preparou o disparo e definiu cun chute raso pegado ao pau para facer o 0-1. Antes do descanso, Mihret volveu tentalo desde o balcón da área, aínda que o seu lanzamento marchou desviado.

“Faltounos un pouco de claridade nos últimos metros, pero a actitude foi boa”, Alberto Tamayo.

Tras o paso por vestiarios, o Arenteiro moveu o banco e a entrada de Sara cambiou o ritmo do partido. A atacante local xerou perigo desde a súa primeira intervención, cun centro-chute no 46’ que se envenenou e estivo preto de sorprender a Karla. Un minuto despois chegou o empate. Unha falta ao bordo da área foi peiteada cara atrás por Sara e María apareceu soa ante Karla para marcar o 1-1.

As azuis buscan a vitoria ata o final
Co empate no marcador e a necesidade de sumar os tres puntos na pelexa polos postos de playoff de ascenso, o Rosalía tratou de encerrar ao Arenteiro no seu campo. O equipo ourensán insistiu, aínda que non atopou a claridade necesaria nos últimos metros. Añón rozou o gol no 53’ tras un córner sacado por Antía, pero o seu cabezazo saíu pegado ao pau. Tamén tivo que aparecer Karla no 68’, cunha gran intervención para despexar a córner unha falta afastada de Xiana. O tramo final mantivo a emoción. Losada puxo un bo centro desde a esquerda no 78’ e Antía apareceu no segundo pau, aínda que o seu remate marchou fóra. Xa co tempo cumprido, Candela executou un córner que Zaira cabeceou alto, moi preto do traveseiro.

O punto permite ao noso sénior manterse na segunda posición con 66 puntos tras 29 xornadas, por diante do San Pedro e do Antas. Precisamente será o último rival da liga regular, nun duelo crave para pechar a fase regular e afrontar con forza a loita polo playoff de ascenso.

Alberto Tamayo valorou o esforzo do equipo tras o empate: “Imos coa sensación de que competimos ben nun campo difícil e nun derbi que sempre esixe moito”. O técnico tamén destacou a importancia de seguir dependendo do traballo propio: “O equipo tentouno ata o final. Agora toca pensar no Antas, que será outro partido moi esixente”. Por último, Tamayo quixo reforzar a mensaxe de confianza: “Estamos onde queriamos estar, competindo por cousas importantes. Hai que valorar o camiño do grupo e preparar a última xornada con ambición, humildade e a máxima concentración”.

FICHA TÉCNICA

1-Arenteiro: Paula, Ainara (Andrea, 82′), Expo, Xiana, Noe, María (Candela, 85′), Cuque (Alessia, 78′), Clau, Jaira, Ester (Saleta, 46′) e Moraima (Sara, 46′).
1-Rosalía: Karla, Aldarita, Noa (Nair, 63′), Sampi, Mihret (Losada, 70′), Añón, Noui, Miriam (Zaira, 70′), Antía (Antía Rodríguez, 87′), Candela e Aline.

Goles
0-1 (min. 39) Noui.
1-1 (min. 48) María.

Tarxetas
Amarela (min. 90) Nair

Check Also

1-0: Rosalía xogará o playoff de ascenso a Terceira Federación

O equipo pontino superou ao Antas en Oira cun gol de Candela no minuto 73′ …

Ir o contido