7-0: Vitoria contra o Gondomar

Os goles de Candela Bouzas, Zaira, Lidia e Ana Seguín dan os tres puntos á Escuela de Fútbol Femenina Rosalía antes do parón.

A Escuela de Fútbol Femenina Rosalía sumou fronte ao Gondomar Fútbol Base tres novos puntos antes do parón. Os goles de Candela Bouzas e Zaira deron vantaxe ás pontinas antes do descanso. Desde o inicio atopou a EFF Rosalía o camiño para superar a defensa adiantada do equipo visitante. As de Saa avisaron cun disparo de Zaira, que detivo en dous tempos Aitana, tras unha carreira en solitario pola dereita no 5′. Once minutos máis tarde Lidia remata fóra por pouco. Malia non saír cun ritmo alto, como en anteriores partidos, as azuis adiantáronse nunha xogada que tamén tivo a Lidia como protagonista (22′). A asistencia da centrocampista de banda a banda foi aproveitada por Candela Bouzas, que chegou por sorpresa ao área visitante e superou a Aitana cun colocado remate co interior da perna dereita.

Transcorrían os minutos e a Escuela de Fútbol Femenina Rosalía puido ampliar distancias no 34′. Triangulación de Candela con Zaira e Patricia, o seu disparo coa dereita non atopou portería por moi pouco. Si chegou sete minutos despois. Excepcional asistencia de Lidia desde a banda esquerda e Zaira definiu coa punta da bota superando por alto a Aitana.

Cos tres goles do domingo, Ana convértese na pichichi da EFF Rosalía con 7 goles.

Tralo paso polos vestuarios puido chegar outro gol do Rosalía. A xogada persoal de Lidia no 47′ atopou o remate de Zaira pero o seu disparo non acerta entre os tres paus. Catro minutos despois tamén puido marcar Patricia, pero a porteira visitante estivo máis acertada nun man a man no que a portuguesa intentou superala. O terceiro tanto parecía cuestión de tempo e puido chegar en dúas xogadas de Lidia, pero os dous tiros saen fóra por pouco.

Cinco goles nos últimos vinte minutos
Co equipo en cadro, o rival languidecía físicamente e, malia non crear perigo a Rocío, as pontinas querían sentenciar definitivamente. Unha e outra vez as dianteiras locais gañaban as costas á defensa rival e así chegaron os goles. Minuto 70, Lidia escapa pola esquerda e ante a saída de Aitana asiste a Ana a porta baleira, 3-0. Dous minutos despois, mesma protagonista. Lidia escapa da sua defensa, entra en área e cruza moi ben o balón. Ana Seguín quería máis e das súas botas chegaron os dous seguintes nun intervalo de catro minutos. O primeiro dun bo ‘chut’ desde o bordo do área e o segundo tras unha boa xogada. Recibiu no bordo do área, marchouse de tres rivais e cando encaraba a Aitana, resolve tranquilamente onde non chega a porteira. A cinco minutos do final Lidia pechaba o marcador aproveitando unha asistencia de Aida e colocando o balón na escuadra. Na xogada cae lesionada Fátima e tras uns minutos tendida no chan, o colexiado do encontro, Pablo Iglesias Cardoso, decide dar por finalizado o partido.

Sexto triunfo da tempada para afianzarnos na parte alta da clasificación. Impresionante. E agora, parón cun sabor de boca inmellorable.

Check Also

Vitoria ‘C’-Rosalía: a pola segunda vitoria seguida

O noso equipo, que encadea dez xornadas sen perder, busca seguir o refacho no Santa …

Skip to content