Site icon E.F.F. Rosalia

A EFF Rosalía asina un acordo estratéxico co Al-Hilal para o desenvolvemento do talento feminino.

Noui, Zaira e Matilde participarán no programa saudita, converténdose a partir do 1 de xaneiro en xogadoras do equipo saudí por un periodo inicial de tres anos.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía, única escola de fútbol feminino de Ourense, anunciou a formalización dun acordo estratéxico de colaboración co Al-Hilal FC, enmarcado dentro do programa de desenvolvemento futbolístico e crecemento da liga feminina de Arabia Saudita.

No marco desta colaboración internacional, tres xogadoras do equipo sénior do club, Noa Fernández “Noui”, Zaira Fernández “A Francotiradora” e Matilde Pousa, foron seleccionadas para participar nun proxecto técnico-deportivo de alto rendemento impulsado pola estrutura feminina do club saudita. Trátase de tres futbolistas de gran peso dentro do vestiario azul. Noui e Zaira son xogadoras centenarias, superando o centenar de partidos oficiais coa camiseta do club pontino, mentres que Matilde consolidouse como unha das laterais dereitas máis explosivas do equipo sénior.

“Estamos moi ilusionadas con este paso na nosa carreira deportiva. Non todos os días chámanche desde Arabia Saudita e moito menos para falar de fútbol e non de calor. Imos coa mesma responsabilidade de sempre e, como boas ourensás, prometemos adaptarnos, aínda que botaremos de menos o polbo”, indicou Noa Fernández

Un vestiario de primeiro nivel internacional
Á súa chegada ao Al-Hilal, as xogadoras da EFF Rosalía compartirán dinámica deportiva con algunhas das futbolistas máis destacadas do fútbol feminino saudita e internacional, formando parte dunha contorna competitiva de alto nivel. Xogadoras como Asisat Oshoala, unha das grandes estrellas do fútbol africano, competirá coa ‘francotiradora’ por un posto na punta de ataque. Jéssica Silva, Kheira Hamraoui, Ghizlane Chebbak ou a española Noelia Gil, con pasado no Betis, serán as súas novas compañeiras.

“Cando me dixeron que podía levar o meu olfacto goleador a Arabia pensei que era unha broma. Se hai que marcar goles no deserto, márcanse”, engadiu Zaira Fernández.

O proxecto permitirá ás xogadoras do Rosalía convivir con metodoloxías profesionais, contextos multiculturais e unha estrutura de alto rendemento, reforzando o seu desenvolvemento deportivo e persoal, ademais de axudar ao crecemento dunha Liga que aínda non pode compararse coa masculina, pero que nuns anos pode contar coas mellores do mundo.

“Para min é unha oportunidade incrible para seguir aprendendo e crecendo e tamén para demostrar que unha lateral pontina pode correr igual aquí que a 6.000 quilómetros”, afirmou Matilde.

Desde o club remárcase que este acordo estratéxico reforza o compromiso da escola coa proxección do talento feminino ourensán e abre novas vías de crecemento deportivo e persoal para as suas futbolistas. Alberto Tamayo, director deportivo, subliña que este acordo “recoñece o traballo formativo, a traxectoria e o compromiso das nosas xogadoras, así como o crecemento estrutural nos últimos anos”.

O marco de colaboración entre a EFF Rosalía e o Al-Hilal inclúe un acordo de cesión deportiva por un período de tres anos, valorado en 5 millóns de euros anuais, destinados ao desenvolvemento estrutural e á consolidación do seu proxecto formativo en Ponte Canedo. Dentro da negociación valoráronse ademais diferentes accións complementarias vinculadas á promoción cultural e deportiva entre ambos territorios. Con todo, non foi posible concretar o acordo relativo ao intercambio de camelos previsto no programa institucional saudita, despois de que o Concello de Ourense descartase a cesión dunha pequena parcela nas instalacións municipais de Oira para a súa estancia temporal. Segundo fontes municipais, a decisión adoptouse tras a presión exercida pola oposición, que argumentou que a contorna seleccionada “non reproducía condicións de deserto” e podería interpretarse como unha forma de malos tratos animais.

Finalmente, ambas as partes acordaron manter a cooperación estritamente no ámbito deportivo, técnico e formativo e ceder os animais para a tradicional cabalgata de reis do próximo 6 de xaneiro de 2026.

Exit mobile version