Site icon E.F.F. Rosalia

A EFF Rosalía asina un triunfo de prestixio en Oleiros

O sénior vence en Iñás co dobrete de Noui e despois de aguantar 40 minutos a presión local tras o gol de Joana.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía sumou tres puntos de gran valor na súa visita ao Atlético San Pedro e continúa coa súa boa serie, que a manteñen como líder invicta na liga con seis triunfos nos últimos seis partidos.. O conxunto dirixido por Alberto Tamayo mostrou personalidade, dominio e solvencia para impoñerse nun partido que quedou encarrilado nunha excelente primeira metade.

O inicio foi plenamente visitante. O cunxunto pontino saíu cunha presión alta moi intensa que dificultou a circulación do cadro local e xerou constantes recuperacións en campo contrario. Froito dese dominio chegou o 0-1, no minuto 8, cando Noa presionou, recuperou e combinou con Noui para definir por alto ante a saída de Aroa. O equipo seguiu crecendo co paso dos minutos, controlando o ritmo e chegando con claridade á área rival con disparos lexanos de Sampi e Bouzas nos primeiros vinte minutos. San Pedro tivo as súas mellores ocasións tras superar a media hora de xogo por medio de Eva. que o tentou nun man a man con Karla (32′). A meta repetiu actuación catro minutos despois para blocar abaixo un disparo de Lara desde área pequena.
Antes do descanso, as ourensás ampliaron a súa vantaxe grazas a unha acción colectiva de gran nivel. Bouzas recuperou na medular, avanzou con determinación e asistiu a Noui, que volveu impoñerse no man a man para asinar o 0-2 (44’). Rosalía pechou así unha primeira parte moi completa en xogo, intensidade e eficacia.

“O grupo está moi unido e esta vitoria reflicte ese compromiso colectivo”, Alberto Tamayo.

As locais reducen distancias
Tras o paso por vestiarios, o San Pedro deu un paso adiante e acurtou distancias no 49’ por medio de Joana, que aproveitou un balón longo ás costas da defensa para definir. Pese ao empuxar local, o equipo de Tamayo mantivo a orde e xerou opcións para sentenciar, como os avisos de Noui, en dúas ocasións (minutos 56′ e 75′) e unha falta de Bouzas desde media distancia (69′), pero Aroa desbaratou todas as ocasións. No tramo final, Karla apareceu cunha intervención decisiva ante Lucía para protexer a vantaxe, na mellor ocasión local do partido. O equipo pontino soubo xestionar os últimos minutos con orde defensiva e solvencia nos duelos, asegurando un triunfo de gran valor lonxe de casa.

Lesión de Ainhoa Pérez
A nota negativa do encontro foi a lesión da xogadora local Ainhoa Pérez, que tivo que retirarse no tempo de desconto. Desde a EFF Rosalía deséxase unha pronta recuperación.

“A primeira parte marcou o ton do partido. Presionamos moi ben e soubemos xerar vantaxes. Na segunda, tocou sufrir e demostrar madurez. Este grupo segue crecendo cada semana”, valorou o o noso técnico tras o encontro.

Exit mobile version