Icona do sitio E.F.F. Rosalia

A Liga Galega Feminina Cadete 2026/27 xa está en marcha cunha vitoria de carácter ante o Valladares

Os goles de Amelia, Ari, Alma, Isabel e Carlota dan os tres primeiros puntos ás pontinas nun emocionante encontro no que chegaron a dominar por 3-0 e souberon reaccionar ao empate visitante nos minutos finais.

A nova tempada 2026/27 xa botou a andar na Liga Galega Feminina Cadete, unha competición que volverá reunir aos mellores equipos do fútbol base feminino galego e na que a Escola de Fútbol Feminino Rosalía afrontará un novo reto deportivo dentro do Grupo D. Noso Cadete iniciou con vitoria a súa participación na Liga Galega Feminina Cadete 2026/27 tras superar ao CD Valladares (5-3) no Campo Municipal de Oira. O equipo dirixido por Alberto Tamayo, que non disputara a primeira xornada do campionato, estreouse na competición cun partido cheo de alternativas no que chegou a contar cunha vantaxe de tres goles. As visitantes conseguiron igualar o marcador na segunda metade, pero dous tantos de Isabel e Carlota nos últimos minutos permitiron ás azuis asegurar os tres primeiros puntos.

O encontro comezou cun ritmo intenso e coa primeira aproximación visitante. Aos tres minutos, Emma probou fortuna cun disparo desde a frontal, pero a resposta das pontinas foi inmediata. No minuto 4′, unha boa presión na saída de balón permitiu a Candela recuperar a posesión e asistir a Amelia, que rematou de primeiras cun disparo cruzado para superar a Laura e inaugurar o marcador (1-0). O conxunto ‘azul’ mantivo a intensidade e ampliou a súa vantaxe apenas cinco minutos despois. Un saque de banda no sector esquerdo acabou nos pés de Ari, que se fabricou o espazo necesario para conectar un potente disparo que a gardameta visitante non conseguiu despexar (2-0). As locais continuaron levando a iniciativa e no minuto 20 chegou o terceiro. Cayetana filtrou unha precisa asistencia entre liñas para Alma, que se plantou diante de Laura e resolveu con acerto o man a man para establecer o 3-0.

Amelia foi a encargada de abrir o marcador.

O Valladares reacciona antes do descanso
Co marcador claramente favorable ás pontinas, o Valladares buscou reducir diferenzas. No minuto 21′, Naiara rematou desde a frontal cun disparo demasiado centrado que Miriam blocou sen dificultades. Dous minutos despois, Amelia protagonizou un rápido contragolpe que puido ampliar a renda local, pero Laura gañoulle a partida no man a man. Tres minutos antes da media hora, Noa Míguez estivo preto de sorprender cunha acción individual que culminou cun potente disparo desde a frontal da área que se estrelou no traveseiro. O conxunto visitante atopou finalmente o gol no minuto 38′. Julia executou un saque de esquina que Elena tentou despexar, enviando o balón contra o traveseiro. Paula Caride aproveitou o rexeitamento para recortar distancias (3-1). Rosalía respondeu de inmediato. un minuto despois, Cayetana protagonizou un contragolpe pola banda dereita e colocou un centro ao segundo pau, onde apareceu Daniela para rematar contra a gardameta rival. A primeira metade concluíu cunha vantaxe de dous goles para as pontinas.

Rosalía domina, pero o Valladares logra igualar o encontro
A segunda parte arrincou con dúas aproximacións visitantes. No minuto 43, Naiara buscou portería cun disparo que Miriam blocou con seguridade e, inmediatamente despois, Valeria volveu probala cun remate frouxo que tampouco xerou dificultades á gardameta azul. O conxunto de Tamayo e Aldarita recuperou o dominio territorial e pasou a desenvolver boa parte do seu xogo en campo contrario, aínda que sen conseguir transformar a superioridade en novas ocasións claras. No 52′, Candela intentou sorprender a Laura cun disparo afastado. Cando o encontro parecía controlado polas locais, o Valladares aproveitou unha imprecisión defensiva para volver meterse no partido. Cinco minutos despois da hora de xogo, unha mala cesión de Cayetana acabou nos pés de Noa Míguez, que non desaproveitou a oportunidade para establecer o 3-2. As nosas intentaron recuperar a tranquilidade no marcador. Ari probou fortuna cun disparo afastado no 67′ que Laura conseguiu blocar e, dous minutos despois, Vera rematou desviado desde a frontal. Porén, no minuto 70′ chegou o empate visitante. Noa Míguez aproveitou un balón longo ás costas da defensa para presentarse soa diante de Miriam, pero a gardameta local resolveu con acerto o man a man. Na acción inmediatamente posterior, a presión do Valladares sobre a saída de balón permitiu a Noa recuperar a posesión e ceder a Erika, que marcou o 3-3.

Isabel e Carlota deciden o partido
Co empate no marcador e apenas dez minutos por disputarse, a Rosalía mostrou a súa capacidade de reacción para recuperar a vantaxe no momento decisivo. No minuto 76′, Carlota executou un saque de esquina e Isabel apareceu na área para conectar un remate de cabeza que acabou no fondo da rede (4-3). O tanto devolvía a iniciativa ás pontinas tras uns minutos complicados. A reacción ‘azul’ non quedou aí. Só dous minutos despois, Amelia protagonizou unha boa xogada pola banda esquerda e enviou un centro á zona de remate, onde apareceu Carlota para marcar o definitivo 5-3 e pechar un emocionante encontro.

O Rosalía culminou así un debut ligueiro no que amosou a súa capacidade ofensiva e, especialmente, o carácter necesario para sobrepoñerse á reacción do rival. Un triunfo que permite ao equipo de Alberto Tamayo comezar con tres puntos a súa participación nunha nova tempada da Liga Galega Feminina Cadete.

Un Grupo D con novos retos

Segundo o plan competicional publicado pola Real Federación Galega de Fútbol, a Liga Galega Feminina Cadete 2026/27 contará cun total de 45 equipos repartidos en catro grupos. Noso equipo quedou encadrada no Grupo D, xunto a:

A primeira fase da competición determinará a clasificación de cada grupo, establecendo os equipos que accederán posteriormente aos grupos Ouro, Prata e Bronce. Os catro primeiros clasificados de cada grupo disputarán o Grupo Ouro; os equipos situados entre a quinta e a oitava posición accederán ao Grupo Prata; e os restantes formarán o Grupo Bronce. Plan

Na segunda fase realizaranse cruces entre os grupos A, B, C e D para definir a composición definitiva das diferentes fases da competición, cunha final prevista para o 6 de xuño de 2027.

O debut ante o CD Valladares foi a primeira oportunidade para ver en acción a un equipo que continúa medrando dentro da estrutura da Escola de Fútbol Feminino Rosalía, apostando pola formación, a competitividade e o desenvolvemento das súas xogadoras. De ahí que cada ano varias xogadoras cheguen a debutar co primeiro equipo en categoría sénior.

FICHA TÉCNICA

5-EFF Rosalía: Miriam, Carlota, Sabela, Sara, Amelia, Alma, Elena, Candela, Irene, Cayetana e Ariadna. Tamén participaron Isabel, Daniela, Vera, Nuria e Noa Pazos.
3-CD Valladares: Laura, Paula Caride, Valeria, Erika, Naiara, Mireia, Noa Míguez, Emma Moreira, Elisa, Mariana e Julia. Tamén xogaron Uxía, Leila, Carmen, Noa e Emma.

Goles

1-0 (minuto 4′) Amelia
2-0 (minuto 9′) Ari
3-0 (minuto 20′) Alma
3-1 (minuto 38′) Paula Caride
3-2 (minuto 65′) Noa Míguez
3-3 (minuto 70′) Erika
4-3 (minuto 76′) Isabel
5-3 (minuto 78′) Carlota

Vídeo: Partido completo.
Saír da versión móbil