Icona do sitio E.F.F. Rosalia

AECC Ourense presenta o VI Partido Benéfico contra o Cancro de Mama

O Campo Municipal de Oira acolleu a presentación dunha nova edición do encontro solidario que reunirá á EFF Rosalía e a un combinado de Mulleres de Ourense a favor da AECC.

O Campo Municipal de Oira foi o escenario elixido para a presentación do VI Partido Benéfico contra o Cancro de Mama, unha iniciativa organizada pola Escola de Fútbol Feminino Rosalía en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro de Ourense que volverá unir deporte e solidariedade nunha das citas máis especiais do calendario ourensán.

O acto de presentación contou coa presenza de representantes da AECC Ourense, da EFF Rosalía, institucións públicas e do deporte local, coa participación do delegado territorial de la Xunta en Ourense, Manuel Pardo, Rosendo Fernández, representante da Deputación de Ourense, Aníbal Pereira, concelleiro de Deportes do Concello de Ourense e o plantel completo do equipo alevín do club pontino, que quixo acompañar unha iniciativa que representa os valores da entidade.

O encontro disputarase o xoves 22 de outubro ás 19:00 horas no Campo Municipal de Oira e enfrontará, como xa é tradición, á EFF Rosalía contra un combinado de Mulleres de Ourense, un equipo formado por mulleres procedentes de diferentes ámbitos da sociedade ourensá, desde o mundo político ata o social, empresarial, cultural e deportivo.

O presidente da AECC Ourense, Germán Rodríguez-Saa, destacou durante a presentación o significado especial que ten unha iniciativa que xa forma parte da identidade da asociación: “Xa van seis edicións e creo que é un dos eventos que máis orgullo nos dá, porque demostra que cando hai unha causa que importa, todo Ourense se une”. “Vós, como escola que fomenta o deporte e sobre todo os valores, dades un paso adiante e demostrádeslles ás mulleres que están padecendo o cancro de mama que estades ao seu lado”, destacou o presidente de AECC Ourense.

Ao longo das cinco edicións anteriores, o Partido Benéfico contra o Cancro de Mama converteuse nun referente de solidariedade en Ourense, conseguindo recadar preto de 15.000 euros destinados á Asociación Española Contra o Cancro. Unha cifra que amosa o compromiso da sociedade ourensá con esta causa e que é posible grazas á implicación da Escola de Fútbol Feminino Rosalía, das mulleres participantes no encontro, das institucións, empresas colaboradoras e de todas as persoas que cada ano achegan o seu apoio. Na pasada edición alcanzáronse case 3.000 euros de recadación, e o obxectivo para esta sexta edición é seguir medrando e chegar ata os 5.000 euros, unha meta que volvería demostrar que Ourense responde sempre cando máis se necesita.

“Somos unha escola de fútbol, pero tamén unha escola de valores”, Mario Gómez

O presidente da EFF Rosalía, Mario Gómez, destacou a importancia de manter esta colaboración coa AECC Ourense e o compromiso do club con todas aquelas iniciativas que van máis alá do deportivo: “Para nós este partido é moito máis que un encontro de fútbol. Forma parte da nosa maneira de entender o deporte. Queremos formar xogadoras, pero tamén persoas conscientes da realidade que as rodea”

Unha entrada solidaria para sumar apoios
A entrada terá un prezo de 5 euros e toda a recadación irá destinada á Asociación Española Contra o Cancro en Ourense. Ademais, todas aquelas persoas que non poidan asistir poderán colaborar a través da Fila Cero ABANCA: ES68 2080 0475 5630 4000 0077

Un ano máis, a Escola de Fútbol Feminino Rosalía e Ourense volverán demostrar que, cando hai unha causa importante, o fútbol pode ser unha ferramenta para unir, concienciar e axudar.

Saír da versión móbil