Icona do sitio E.F.F. Rosalia

As pontinas afrontan unha esixente visita

O sénior chega á cita tras encadear dúas vitorias consecutivas e buscará prolongar a súa boa dinámica ante un dos equipos máis fortes da categoría.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta esta tarde, 14 de novembro, un novo compromiso ligueiro coa visita ao AT. Villalonga F.F., no encontro correspondente á décima xornada da 3ª Federación Feminina.

As pontinas chegarán á cita nun bo momento de confianza, despois de sumar dous triunfos consecutivos, pero cunha particularidade que fala moito do carácter deste equipo. Ambas vitorias chegaron nos últimos minutos dos encontros. A primeira alegría produciuse no campo do San Pedro, onde as azuis conseguiron unha importante vitoria por 1-2, resolvendo o partido nos instantes finais. Na pasada xornada, fronte ao Victoria F.C., a historia volveu repetirse. As ‘azuis’ conseguiron decantar o marcador (2-1) tamén nos últimos compases, demostrando que este grupo non baixa os brazos e mantén a confianza nas súas posibilidades ata o asubío final. Dous triunfos de moito valor que, máis alá dos puntos conseguidos, reforzan a confianza do grupo e poñen de manifesto a capacidade de loita, perseveranza e competitividade das xogadoras do noso sénior.

O conxunto de Alberto Tamayo afronta este reto coa ambición de seguir medrando e dando continuidade á mellora amosada nas últimas semanas. Os dous últimos encontros deixaron unha mensaxe clara: este equipo é capaz de loitar ata o final e de atopar recompensa ao seu esforzo mesmo cando o tempo está a piques de esgotarse. A solidez colectiva, a intensidade e a capacidade para aproveitar as ocasións serán aspectos importantes para intentar poñer en dificultades a un dos equipos máis destacados do campionato.

O encontro terá tamén o aliciente de que ambos os equipos xa se viron as caras durante a pretempada. Foi o pasado 17 de agosto, no XI Trofeo Sanxenxo de fútbol feminino, no que o Villalonga se impuxo por 2-0 no primeiro test de preparación das pontinas. Aquel encontro, ante un rival que acababa de descender dunha categoría superior, deixou boas sensacións no conxunto azul, que competiu de ti a ti durante boa parte do partido, malia acabar cedendo no marcador. Emma, no 34′, e Carla, no 59′, anotaron os tantos do equipo local. Daquela primeira toma de contacto, Alberto Tamayo xa destacara a importancia de medirse a equipos de esixencia superior e a aprendizaxe que supoñían ese tipo de encontros. “Este partido sérvenos para comprobar que a nova categoría vai ser outra cousa”, sinalaba o técnico tras aquel amigable. Agora, xa coa competición oficial en marcha, as ‘azuis’ terán unha nova oportunidade de medirse ao conxunto de Villalonga, esta vez coa intención de competir polos tres puntos.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta este reto coa ambición de seguir medrando e dando continuidade á mellora amosada nas últimas semanas. Os dous últimos encontros deixaron unha mensaxe clara, este equipo é capaz de loitar ata o final e de atopar recompensa ao seu esforzo mesmo cando o tempo está a piques de esgotarse. A solidez colectiva, a intensidade e a capacidade para aproveitar as ocasións serán aspectos fundamentais para intentar poñer en dificultades a un dos equipos máis destacados do campionato. As pontinas buscarán dar continuidade á súa reacción e demostrar que o crecemento do equipo tamén se pode traducir en resultados ante os rivais máis esixentes da categoría.

“As dúas últimas vitorias demostran que o equipo cre ata o final”, Alberto Tamayo.

“Sabemos que nos espera un partido moi complicado ante un rival que está a facer unha gran tempada e que ten moito potencial ofensivo. Teremos que estar moi concentradas, manter a orde e traballar todas xuntas. É importante competir cada balón e non perder a nosa identidade”, destacou Alberto Tamayo na previa a nosa web. “As dúas últimas vitorias demostran que o equipo cre ata o final. Conseguimos sacalas adiante nos últimos minutos, algo que fala do compromiso e da capacidade de loita deste grupo. Queremos seguir nesta liña, continuar mellorando e demostrar que podemos competir ante calquera rival”, resaltou o noso técnico.

CONVOCATORIA

Villalonga
O Atlético Villalonga Fútbol Femenino está a asinar un excelente comezo de campionato. Suma sete vitorias, un empate e unha única derrota nas nove xornadas disputadas, cun balance de 35 goles a favor e tan só seis en contra. O seu potencial ofensivo queda reflectido tamén na clasificación individual de goleadoras, onde Sabela Gómez lidera a táboa con nove tantos. Alba Baz e Emma Domínguez, con sete goles cada unha, son outras dúas das principais referencias ofensivas do equipo. Un equipo moi goleador e especialmente sólido.

Saír da versión móbil