O conxunto de Alberto Tamayo visita mañá domingo (16.00 h) o campo municipal Dani Mallo de Cambre co obxectivo de consolidarse na zona alta da clasificación.
A liga non dá tregua. A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta este domingo un novo compromiso ligueiro lonxe de casa. O equipo de Alberto Tamayo mídese ao Sporting Cambre no campo municipal Dani Mallo co obxectivo de sumar o seu quinceavo triunfo no campionato (16.00 h).
Será o primeiro encontro que dispute Rosalía a domicilio no mes de marzo e buscará prolongar o seu bo rendemento como visitante, onde sumou 20 puntos en 10 partidos, cun rexistro de 6 vitorias, 2 empates e 2 derrotas. Ademais, o equipo chega ao duelo tras vencer na última xornada ao Xallas por 3-0, encadeando dous triunfos consecutivos e manténdose na pelexa polas primeiras prazas.
“O equipo chega con ambición e con ganas de seguir crecendo”, Alberto Tamayo.
Na previa do encontro, o noso técnico pon o foco na seriedade competitiva do grupo e na importancia de seguir sumando fóra de casa: “Sabemos que cada xornada esixe o máximo. O equipo chega con ambición, con confianza no traballo que está a facer e con ganas de seguir crecendo nun campo que nos vai a esixir moito concentración desde o inicio”.
CONVOCATORIA
O precedente
O partido da primeira volta deixou un triunfo claro do noso equipo por 6-2. Aquel encontro, disputado na xornada 6, tivo un desenvolvemento esixente, xa que o Sporting Cambre adiantouse no minuto 4 e volveu poñerse por diante ao fío do descanso. Con todo, o conxunto pontino reaccionou na segunda parte e terminou impoñéndose con goles de Noui, Sampi, Añón —por partida dobre— e Aldarita.
O rival
O Sporting Cambre afronta o encontro desde a décima posición da táboa con 20 puntos. O conxunto coruñés presenta un balance global de 6 vitorias, 2 empates e 12 derrotas, con 47 goles a favor e 58 en contra. En casa, os seus números son de 1 vitoria, 1 empate e 7 derrotas en 9 partidos. Na última xornada goleou ao Sporting Burgo por 2-7, cortando un refacho anterior de catro encontros sen gañar. No apartado ofensivo, o Cambre conta con varias xogadoras de referencia. Lucía Conde suma 10 goles, Sofía leva 8 e Carmen 6, cifras que obrigan a manter un alto nivel defensivo.

