Carral-Rosalía: a seguir sumando fóra de casa

O conxunto pontino, segundo con 52 puntos e coa mellor defensa do campionato, visita ao Carral na 23ª xornada co obxectivo de prolongar a súa boa dinámica.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta esta fin de semana unha nova proba na loita pola zona alta da clasificación. O equipo dirixido por Alberto Tamayo chega á 23ª xornada na segunda posición con 52 puntos, a catro do liderado, despois de vencer ao Calo na última xornada. Ademais, o conxunto azul firma uns rexistros moi sólidos a estas alturas do curso: 54 goles a favor, 17 en contra (a mellor cifra defensiva da categoría) e un refacho recente de cinco partidos sen perder.

O precedente da primeira volta convida o optimismo. Na xornada 8, o conxunto pontino impúxose por 6-0 ao Carral en Oira con goles de Añón, Sampi por partida dobre, Noui, Aldarita e Ainhoa. No apartado realizador, Noui mantense como a gran referencia ofensiva do equipo con 12 tantos, ben acompañada por Sampi con 7, Añón e Aldarita con 6. Todas elas goleadoras na ida.

“O equipo chega nunha boa liña e queremos darlle continuidade”, Alberto Tamayo.

“Sabemos que nos espera un partido esixente, porque o Carral compite ben e vén con confianza. Nós teremos que estar moi concentradas desde o inicio e facer un encontro serio en todas as fases do xogo.”, destacou o noso técnico na previa do encontro que se disputará mañá domingo a partir das 16.30 horas no campo Municipal Borja Rodríguez.

O rival
A Unión Deportiva Carral afronta o encontro desde a undécima posición con 23 puntos. Como local sumou 3 vitorias, 3 empates e 4 derrotas, e chega reforzado tras o seu triunfo por 1-5 ante o Sporting Burgo na xornada anterior. En ataque, as súas xogadoras máis produtivas están a ser Sabela Pousada, con 6 goles; Noelia Regueiro, con 5; e Noa Seoane, con 4.

Check Also

A EFF Rosalía volve do parón cunha vitoria sólida ante o Calo

Noui abriu o partido na primeira metade e Aldarita pechouno tras o descanso para manter …

Ir o contido