Un dobrete de Sampi e os tantos de Añón, Noui, Aldarita e Ainhoa selan unha vitoria coral do noso sénior, que suma 27 goles en oito partidos.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía asinou unha actuación redonda ante o Carral e levou tres puntos incuestionables no Municipal de Oira. O plan era claro: dominio con paciencia, circulación rápida e verticalidade por bandas. Pronto chegaron as ocasións e, con elas, os goles. O 1-0 abriu o partido e o equipo non baixou o ritmo nin na presión nin na lectura dos espazos. O marcador final (6-0) fai xustiza á superioridade mostrada polas pontinas.
O inicio xa avisou do guion. Falta provocada por Añón e primeiro intento de Bouzas á barreira no primeiro minuto de xogo. A resposta visitante chegou por medio de Sara, que probou de lonxe de falta (minuto 7’). O 1-0 chegou cunha acción marca da casa. Cambio de orientación de Sampi á dereita, Añón controlou no pico da área e cruzou ao fondo da rede aos 16 minutos de partido. Dous tiros, dous goles aos 21’ minutos. Xogada colectiva que naceu en Lú, pasou por Miriam e atopou a Añón ao espazo. O seu envío ao punto de penalti converteuno Sampi no 2-0. Novamente a resposta chegou nas botas de Sara, pero seu chut saeteros desviado. Na antesala do terceiro, outra internada de Añón pola dereita apurando ata a liña para centrar á media da área, pero o disparo en semifallo de Sampi o bloca Anabel sen problemas. O terceiro caeu en plena onda de bo xogo. Combinación polo sector dereito, o rexeite entre Añón e a defensa local cazouno Noui, orientou e picouna ante a saída de Anabel á media hora de xogo. Antes do descanso, outras dúas chegadas non conseguiron mover o ‘luminoso’. Noui atopouse co pau á saída dun córner e Noa Seoane non conseguiu sorprender a Karla cun disparo desde a frontal.
“O mellor, máis aló do resultado, é a continuidade: manter a portería a cero e non conceder transicións. Este é o camiño”, Alberto Tamayo.
Madurez para pechar o encontro
Tras o descanso, o noso equipo baixou o ritmo e Carral e dispuxo de varias chegadas. Remate de Sabela Pousada tras córner no 47’; desborde de Claudia pero Karla desbarata (53’); roubos altos de Sara (59’ e 70’), pero nosa gardameta sostivo con seguridade. As de Tamayo responderon con metros e precisión: Sampi recuperou e, tras unha parede con Aldarita, plantouse soa para o 4-0 cun disparo seco ao pau curto (minuto 67’). Aline filtrou para a chegada de Aldarita desde segunda liña, que definiu raso para subir o quinto ao marcador a dez minutos do final, e Aldarita devolveu xentilezas asistindo a Ainhoa, que a colocou na escuadra para o 6-0 definitivo.
FICHA TÉCNICA
6-Rosalía: Karla, Lú, Aldarita, Sampi, Mihret (Antía Rodríguez 70′), Añón, Noui (Sanmiguel 76′), Miriam, Sabela (Ainhoa 70′), Antía (Aline 58′) e Bouzas (Losada 58′).
0-Carral: Anabel (Sequeiros 46′), Laura, Andrea (Andón 63′), Lorena, Mery, Mini, Noa (Silvia 63′), Sara (Katia 76′), Sahara, Claudia (Andrea Valentina 70′) e Sabela Pousada.
Goles
1-0 (minuto 16) Añón
2-0 (minuto 21) Sampi
3-0 (minuto 32) Noui
4-0 (minuto 68) Sampi
5-0 (minuto 80) Aldarita
6-0 (minuto 84) Ainhoa

