Site icon E.F.F. Rosalia

Lidia do Velle á EFF Rosalía

Seguimos a preparar a nova tempada de Liga ultimando as plantillas das distintas formacións que integrarán a disciplina da nosa entidade. Unha das grandes novidades da campaña será a estrea do equipo de categoría infantil que disputará a tamén nova Liga Galega Infantil de primeira categoría. O noso clube acepta o reto da Real Federación Galega de Fútbol na súa idea de promocionar o fútbol feminino en todas as categorías. 

  Deste xeito o clube incorpora para esta nova formación a Lidia Rodríguez. Con trece anos e formada nas categorías inferiores do Velle chega a disciplina do Rosalía avalada pola súa traxectoria como dianteira e goleadora. Ademáis, segundo asegura a directora técnica da nosa entidade, Alba Rodríguez, trátase dunha nena con moita velocidade e ao mesmo tempo cunha gran disciplina táctica atendendo, en numerosas ocasións, o traballo defensivo do equipo cando se lle require.

Lidia posa ca súa nova camiseta xunto co presidente do clube

 

  Lidia amósase moi satisfeita tras a súa incorporación e recorda que coñece a moitas xogadoras do seu novo equipo. “Coincidimos en dúas temporadas na competición da Copa Gallaecia e decatéime que no Rosalía priman os valores das xogadoras. Entendo que para as que empezamos no fútbol desde abaixo e sumamente importante. Agardo vivir unha experiencia nova no clube e, tamén, un xeito diferentes de xogar ao fútbol”.

  Lidia salienta o feito de incorporarse a un equipo netamente feminino, como o Rosalía no canto do conxunto mixto no que formaba parte no Velle. “Alí era a única nena e ainda que foi unha etapa brillante para min entendo que a oportunidade que se me brinda no Rosalía e diferente. Aqui somos todas mozas e resulta gratificante poder compartir alegrías e, por que non, seguro que algunhas penas. O máis importante e facer grupo, xogar en equipo máis aló dos éxitos deportivos que, seguramente, acadaremos”.

Lidia xogando co Rosalía na pasada edición da Copa Gallaecia

 

Lidia Rodríguez, de trece anos e natural de Ourense, xoga ao fútbol desde os sete. Confía que coa súa chegada ao Rosalía poida crecer e aprender no mundo do fútbol, o seu deporte favorito.

Exit mobile version