A xogadora incorpórase á disciplina azul logo de xogar con algunhas das súas compañeiras a Copa Gallaecia.
A Escuela de Fútbol Femenino Rosalía pechou a incorporación para a próxima tempada da xoven dianteira e extremo Matilde Pousa, que se converte no primeiro reforzo do “filial” azul para a campaña 2021/22.
Matilde Pousa (Castrelo de Miño, 2006) comezou a súa carreira deportiva no Cidade de As Burgas de fútbol sala, xogando na categoría alevín. Despois saltaría ao outro lado do Miño e xogaría nas categorías inferiores do Ourense C.F. Durante tres anos Matilde xogou no infantil e cadete antes de dar o salto ao noso clube.
Unha vez terminado o acto protocolario, a nova xogadora non dubidou en atender aos medios oficiais do club para explicar os motivos do seu fichaxe polo club: “Como xa coñecía o Rosalía de xogar a Copa Gallaecia Infantil fai dúas tempadas con elas pareceume un equipo moi interesante do que formar parte e ata divertido”.
Para os que non coñezan como xoga a castrelá, defínese como “unha xogadora que non ten medo ao choque e que lle gusta que haxa intensidade no xogo”, sendo a súa posición ideal a de “dianteira ou extrema”.
No referente ao apartado deportivo do equipo cadete non dúbida, malia ser unha nova categoría no fútbol feminino galego, de “aspirar a chegar o máis alto posible”.
Por outra banda o noso presidente Mario Gómez indicou que “para nós sempre é un orgullo que xogadoras do noso barrio se fixen no Rosalía como a mellor opción para xogar ao fútbol. Matilde xa a coñecemos da Copa Gallaecia 19/20 en donde as nosas infantís, con sete alevíns, conseguiron chegar a ser subcampionas. O que esperamos de Matilde é que se termine de formar como futbolista e disfrute da experiencia de xogar no equipo feminino do seu barrio, estamos seguros que no futuro será unha xogadora con moito que aportar para o clube”.