O ascenso escapa desde os once metros tras unha batalla inesquecible en Oira

As pontinas levantaron o 1-0 da ida, igualaron a eliminatoria e rozaron o ascenso, pero o San Pedro impúxose desde os once metros en Oira.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía quedou ás portas do ascenso a 3ª RFEF tras caer na quenda de penaltis ante o San Pedro nun partido de máxima tensión en Oira. O equipo pontino chegaba á volta co 1-0 en contra da ida, pero logrou darlle a volta ao marcador durante a primeira parte cos goles de Candela e Noui. O tanto visitante de Joana no segundo tempo igualou a eliminatoria e levou o duelo a unha prórroga sen goles. Desde o punto de penalti, o San Pedro foi máis efectivo e certificou o ascenso.

O partido comezou co noso equipo dominando no centro do campo, aínda que de novo con falta de claridade nos metros finais, unha situación que acompañou ao equipo durante boa parte da tempada. No minuto 4, Noa tentou meter un balón á área que acabou nos pés de Sampi, pero Aroa estivo moi rápida para pechar o oco e evitar a ocasión. As azuis insistiron e foron crecendo co paso dos minutos. No 22’, Sampi provocou unha falta en tres cuartos que executou Candela. Añón rematou de cabeza, pero Aroa blocó ben colocada. Dous minutos despois chegou o premio. Candela iniciou unha gran xogada, filtrou á banda para Sampi, que recortou e devolveu ao pico da área. Candela recibiu, avanzou en horizontal e conectou un potente disparo desde uns 25 metros que entrou pola escuadra para poñer o 1-0. O gol impulsou o equipo de Tamayo, que atopou o segundo pouco despois. No minuto 29, Candela internouse pola esquerda e cedeu ao centro para Noui, cuxo disparo impactou na man de Lara. O árbitro sinalou penalti e a propia Noui non fallou desde os once metros, aínda que Aroa chegou a tocar o balón. O 2-0 poñía a Rosalía por diante na eliminatoria.

Antes do descanso, o partido puido moverse para calquera dos dous lados. Noa tivo unha opción tras un rexeite na área, Lucía probou nunha falta que marchou desviada e Noui estivo cerca do terceiro tras un balón longo que Aroa resolveu gañándolle o man a man na ocasión máis clara da primeira metade para as pontinas. No engadido, Rocío buscou o gol cun disparo desde a frontal que Aldarita desviou a córner.

O San Pedro empata a eliminatoria
Tras o paso por vestiarios, as visitantes deron un paso adiante en busca do gol que igualase a eliminatoria e encerraron ao noso sénior, que tivo dificultades para adiantar liñas. Ainda así, tres minutos despois da reanudación, Noui volveu gañar as costas da defensa tras un pase de Candela, pero o seu chute desde o balcón da área saíu centrado e atrapouno Aroa. San Pedro respondeu cunha acción clara no 49’, cando María recuperou, encarou liña de fondo e puxo un pase á zona de remate que Añón cortou xusto cando Joana estaba preparada para empuxar. Dous minutos despois da hora de xogo, Alba executou unha falta lateral provocada por Noa Martínez, pero o lanzamento marchou directamente fora. O gol visitante chegou no minuto 64′. Ainhoa sacou un córner, Karla salvou na liña de gol, Joana rematou de cabeza e de novo Karla evitou o tanto, pero o balón volveu caer nos pés de Joana, que esta vez non perdoou. O 2-1 igualaba a eliminatoria e devolvía toda a tensión ao partido. A partir de aí, o encontro abriuse. Antía disparou desviado no 77’, Joana buscou sorprender por arriba desde a esquina da área no 79’ e, no 81’, María liderou un contragolpe pola dereita que terminou cun remate en semifallo de Alba no segundo pau. No 89’, Candela colgou unha falta á área e Añón rematou de cabeza, pero Aroa respondeu cunha gran parada para enviar o balón a córner. Xa no engadido, Zaira recolleu unha prolongación tras saque longo de Karla e disparou fóra.

Prórroga e final desde o punto de penalti
A prórroga mantivo a igualdade e o desgaste acumulado. Sampi xerou perigo pola dereita no 93’, pero a porteira evitou que Zaira rematase en boca de gol. O San Pedro respondeu cun córner que Alba cabeceou fóra no 102’. Antía tentouno cun centro-chute no 105’ e Candela rozou o gol cun disparo alto por pouco no 113’. Nos últimos minutos, o San Pedro tivo unha ocasión clara nun contragolpe no que Alba marchou soa, aínda que o control se lle foi longo. Joana tamén probou cun tiro que detivo Karla. O conxunto de Tamayo tivo a última gran ocasión co tempo cumprido, cunha acción de Antía que detivo Aroa. A eliminatoria decidiuse nos penaltis. Ainhoa, Lucía, María, Nekame e Joana marcaron para o San Pedro. Polo noso equipo anotaron Añón, Aldarita e Sampi, pero o lanzamento alto de Karla (cuarto da ronda) deixou vantaxe visitante. O 3-5 final na quenda deu o ascenso ao Atlético San Pedro.

“Estou orgulloso das xogadoras. Deixaron todo por este escudo”, Alberto Tamayo.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía volve quedarse ás portas dun ascenso no seu campo, como xa ocorreu na tempada 2022/23 ante o Domaio na eliminatoria que supoñía o salto a 1ª División. Esta vez, o equipo levantou o resultado adverso da ida, competiu ata o minuto 120 e caeu da forma máis cruel. Algo que destacou Alberto Tamayo ao remate da eliminatoria: “É un golpe moi duro porque o equipo fixo o máis difícil, remontar o resultado da ida, poñerse 2-0 e ter a eliminatoria na man”. “Estou orgulloso das xogadoras. Deixaron todo por este escudo. Perder así doe moitísimo, máis aínda en casa e coa nosa xente, pero este grupo merece respecto. Hoxe toca estar tristes, pero tamén recoñecer o esforzo dunha tempada enorme”, resaltou noso técnico á web do club.

FICHA TÉCNICA

2-Rosalía: Karla, Nair, Aldarita, Noa (Zaira 76′), Sampi, Mihret, Añón, Noui, Miriam (Antía 64′), Candela e Aline.

1-San Pedro: Aroa, Noa, Alba, Helena, Joana, Rocío (María 46′), Ainhoa, Lara, María Camila (Eva 71′), Lucía e Silvia (Nekame 81′).

Goles
1-0 (minuto 24) Candela
2-0 (minuto 30) Noui
2-1 (minuto 64) Joana

Penaltis
0-1 (gol) Ainhoa
1-1 (gol) Añón
1-2 (gol) Lucía
2-2 (gol) Aldarita
2-3 (gol) María
2-3 (fuera) Karla
2-4 (gol) Nekame
3-4 (gol) Sampi
3-5 (gol) Joana

Tarxetas
Amarela (minuto 18) Lara
Amarela (minuto 61) Miriam
Amarela (minuto 84) Alba

Vídeo: Partido.

Check Also

1-0: Rosalía buscará a remontada na volta

Derrota pola mínima ante o San Pedro cun gol no primeiro minuto de xogo de …

Ir o contido