O Cadete ‘Azul’ logra a Copa Deputación ante o ‘Amarelo’ nunha final inédita de dous representantes do mesmo club feminino.
A Copa Deputación Cadete de Fútbol Feminino de Ourense xa ten dono, a Escola de Fútbol Feminino Rosalía ‘Azul’. As ‘azuis’ de Alberto Tamayo leváronse o trofeo nunha final de infarto ante o Rosalía ‘Amarelo’, que se decidiu con goles de Sanmiguel e Xiana e mantivo a tensión ata os últimos minutos.
Baixo un gran ambiente na Valenzá, tomada por seguidores de ambos os equipos, o encontro naceu coa típica tensión dunha final. As de Tamayo amagaron primeiro e lograron adiantarse aos trece minutos de xogo. Sanmiguel envía ao fondo da rede un centro de Xiana Carballo tras recuperar o esférico na saída de balón rival. A partir dese momento, o dominio pertenceu ao Rosalía ‘Amarelo’, pero sen a sensación de xerar o perigo suficiente en área rival a pesar das numerosas internadas de Sofía por banda esquerda. No minuto 31, chegou un doloroso golpe, cando Xiana Carballo colleu un balón de Miriam e mandou a pelota por encima de Paula ás mallas. Poñíase mal o asunto para as ‘amarelas’, pero quedaba un mundo.
A volta de vestiarios, o guión foi o mesmo que nos primeiros 40 minutos. E entón emerxeu Xiana ao bordo da hora de xogo para anotar o 2-1. Nunha acción de Sara que a dianteira mandou ás redes, provocando a alegría entre os seguidores do equipo ‘Amarelo‘. Era o minuto 58’. Parecía que o ‘Amarelo‘ era máis, pero o ‘Azul‘ agarrouse ao encontro e mantivo o perigo lonxe da área de Karla ata os minutos finais. Sara, noutra internada desde o sector dereito, puxo o balón no punto de penalti onde aparece Cristina para rematar ao primeiro toque e atoparse cunha gran intervención de Karla, despexando o balón a córner. Xa non houbo tempo para máis.