A EFF Rosalía impón o seu ritmo e supera con autoridade o Sárdoma cos goles de Cayetana (2), Alma e María Sofía.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía recibiu o Sárdoma CF no campo de Oira, nun encontro correspondente á sexta xornada da Liga Galega Cadete (Grupo D). As pontinas completaron un partido de moi alto nivel, no que a intensidade, a presión e a velocidade na circulación do balón foron determinantes para controlar o xogo e xerar numerosas ocasións de perigo.
O encontro comezou cunha primeira aproximación local aos 30 segundos, cun disparo de Cayetana que Noelia conseguiu blocar. No minuto 8′ chegaría o primeiro tanto. Un balón longo cara ao sector dereito permitiu a Cayetana controlar e, desde a banda, enganchar un espectacular disparo que, malia que Noelia chegou a tocar, acabou no fondo da rede (1-0). Apenas tres minutos despois, no 11’, a presión de Isabel provocou un rexeitamento que quedou ao bordo da área. Alí apareceu Alma, que controlou e, en dous toques, cruzou o balón ante a saída da porteira visitante para ampliar a vantaxe (2-0).
O Sárdoma intentou responder ao cuarto de hora cunha falta executada por Ariadna Fuertes que encontrou a Aicha no segundo pau, pero o seu remate marchouse por enriba do traveseiro. Catro minutos despois, un rápido contragolpe de Cayetana polo seu sector acabou cun disparo dentro da área que Noelia despexou cunha boa intervención. No minuto 25′, Adriana probou fortuna cun disparo en semifallo que Miriam atrapou sen problemas. Pouco despois, Aicha protagonizou outro contragolpe cuxo remate acabou no lateral da rede. Antes do descanso, no 38’, Cayetana volveu intentalo cun disparo desde o balcón da área tras aproveitar un rexeitamento da defensa.
Noso equipo manteu o ritmo tras o descanso
A segunda metade comezou cunha chegada do Sárdoma. Ao minuto de xogo, Daniella realizou unha carreira polo sector esquerdo, pero o seu remate foi detido por Miriam. Dous minutos despois, Alma executou un saque de esquina que María Sofía rematou de cabeza no primeiro pau, enviando o balón por enriba do traveseiro. O conxunto visitante deu un paso adiante na procura de recortar distancias e conseguiu acumular varias chegadas, aínda que sen atopar remates claros sobre a portería local.
No minuto 49, un rápido contragolpe das locais polo sector dereito terminou cun centro de Sabela ao que non chegou Cayetana, pero no segundo pau apareceu Carlota para rematar. Noelia conseguiu despexar o seu disparo. No 52’, Blanca probou fortuna desde a frontal, obrigando a Miriam a intervir. Un minuto despois, Alma encabezou unha nova transición ofensiva, pero o seu remate foi detido por Noelia. O terceiro tanto chegaría no 58′. Cayetana executou un saque de esquina, Candela conseguiu rematar e, tras o rexeitamento, María Sofía apareceu para enviar o balón ao fondo da rede cun remate de cabeza (3-0).
Nos últimos minutos, o conxunto de Carlos Alonso continuou buscando a portería local. No 67, Ari probou cun disparo afastado que Noelia desviou a córner. No 69’ Sara Fernández estivo moi preto de ampliar a vantaxe cun lanzamento que saíu rozando a escadra. No 70’, Ari volveu intentalo desde a distancia, pero o seu disparo, moi centrado, foi atrapado sen dificultades por Noelia. A sentenza definitiva chegou no minuto 75′, nunha nova transición rápida das locais. Sabela Gómez recibiu un balón en profundidade pola banda dereita e puxo un centro que Cayetana aproveitou para marcar o seu segundo tanto da tarde e establecer o definitivo 4-0. Aínda houbo tempo para unha última ocasión no minuto 77, cunha falta directa executada por Alma que non conseguiu sorprender á porteira visitante.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía pechou así unha actuación moi completa, destacando o traballo colectivo en todas as fases do xogo e a capacidade para manter un ritmo elevado durante todo o encontro.
Ao remate do partido, o técnico do Cadete valorou moi positivamente o rendemento do equipo e destacou a importancia da intensidade e da velocidade na circulación do balón: “Partido de moi alto nivel no que a intensidade e a velocidade do balón foron claves para conseguir os tres puntos. Un partido moi completo de todo o equipo en todas as fases do xogo. Sen dúbida, este é o camiño que hai que seguir”.
FICHA TÉCNICA
FICHA TÉCNICA
4-Rosalía: Miriam, Isabel, Alma, Elena, Daniela, Vera, Candela, Nuria, Noa, Cayetana e Ariadna. Tamén participaron: Carlota, Sabela, Sara e María Sofía.
0-Sárdoma: Noelia, Uxía, Alejandra, Paula, Blanca, Naia, Ariadna Fuertes, Celia, Xiana, Laura e Aicha. Tamén xogaron: Adriana e Daniella.
Goles
1-0 (minuto 8′) Cayetana
2-0 (minuto 11′) Alma
3-0 (minuto 58′) María Sofía
4-0 (minuto 75′) Cayetana

