Os dobretes de Lucía, Lara Jácome e Valeria, xunto ao tanto de Lara Vicente, selaron unha contundente vitoria das pontinas, que dominaron o encontro de principio a fin.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía Infantil estreouse como local na Liga Galega Feminina Infantil 2026/27 cunha contundente vitoria fronte ao Sárdoma C.F. (7-0) no Campo Municipal de Oira. O conxunto dirixido por Carlos Alonso asinou unha gran actuación colectiva, dominando desde os primeiros minutos e amosando unha notable eficacia ofensiva. Lucía Diéguez, Lara Jácome e Valeria López, con dous tantos cada unha, e Lara Vicente foron as goleadoras dun equipo que sumou os tres puntos nun encontro no que apenas concedeu oportunidades ao rival.
As pontinas saíron decididas a levar a iniciativa e non tardaron en xerar perigo. No minuto 2′, Lara Jácome protagonizou o primeiro aviso cun disparo que Leire Otero conseguiu blocar. A resposta ofensiva tivo continuidade na seguinte acción. Sara filtrou unha asistencia ao espazo para Lucía, que se plantou diante da gardameta visitante e definiu cun disparo cruzado para inaugurar o marcador (1-0, min. 3). O Sárdoma tratou de responder inmediatamente cun lanzamento afastado de falta de Adriana que buscou sorprender a Miriam, pero o balón marchou desviado. Apenas un minuto despois, Lara Jácome volveu poñer a proba a Leire cun potente disparo desde o bordo da área que a gardameta conseguiu despexar.
As ‘azuis’ amplían a vantaxe antes do descanso
O conxunto azul continuou levando o peso do encontro, instalado durante boa parte da primeira metade en campo contrario. No minuto 22′, Leire conseguiu enviar o balón ao fondo da rede, pero o tanto foi anulado por fóra de xogo. A insistencia local atopou novamente premio no 31′. Unha recuperación do Rosalía, moi protestada pola afección visitante ao reclamar unha posible falta sobre Adriana, deu orixe a un rápido contragolpe que Valeria culminou con acerto para establecer o 2-0. O terceiro non tardou en chegar. No minuto 34, Lara Vicente asinou unha das accións máis destacadas do encontro. A xogadora azul recolleu o balón en tres cuartos de campo e, tras superar a varias rivais nunha excelente xogada individual, definiu para ampliar a vantaxe das pontinas (3-0). Lonxe de conformarse, noso infantil mantivo a intensidade ofensiva. No minuto 35′, unha boa combinación pola banda esquerda rematou cun disparo de Lara Jácome que se estrelou no poste. Cando a primeira metade parecía chegar ao seu final, as locais volveron golpear. No tempo engadido, Lara Jácome protagonizou un rápido contragolpe que tivo continuidade en Lucía Diéguez. A atacante cruzou o balón ante a saída de Leire Otero para asinar o seu segundo tanto da tarde e establecer o 4-0 no minuto 40+1′, resultado co que se chegou ao descanso.
O paso polos vestiarios non cambiou o guión do encontro. O conxunto de Carlos Alonso mantivo o control do balón e seguiu desenvolvendo o seu xogo en campo contrario, dificultando as saídas do Sárdoma e acumulando novas aproximacións á portería visitante. No minuto 55′ chegou o quinto. Sara iniciou unha nova acción ofensiva que continuou Lara Jácome. A dianteira superou a oposición de Antía e Beltaine antes de plantarse diante de Leire Otero e definir con acerto para establecer o 5-0. O dominio ‘azul’ continuou traducíndose en oportunidades. No 59′, Martina buscou portería cun disparo que acabou no lateral da rede e, un minuto despois, Leire probou fortuna cun lanzamento desde fóra da área que saíu desviado. A presión adiantada das pontinas volveu resultar determinante no minuto 66. Candela Lorenzo recuperou o balón e deu continuidade á xogada con Martina, que asistiu a Lara Jácome. A atacante atopou o espazo necesario para superar a defensa e marcar o seu segundo gol particular, elevando o resultado ata o 6-0.
Valeria pecha o marcador
Co encontro completamente controlado, Rosalía non renunciou a seguir buscando a portería rival. As pontinas encerraron ao Sárdoma no seu propio campo, combinando a presión tras perda coa velocidade das súas transicións ofensivas. No minuto 73′ chegou o sétimo tanto. Sara iniciou a xogada e conectou con Lara Jácome, que levantou a cabeza para atopar o movemento de Valeria López entre as centrais visitantes. A atacante recibiu o balón e resolveu con acerto o man a man coa gardameta para asinar tamén o seu dobrete particular (7-0). A última ocasión destacada chegou no minuto 80, cando Lara Jácome estivo moi preto de completar o seu triplete cun disparo cruzado que se marchou fóra, rozando o poste.
O marcador xa non se moveu e a Escola de Fútbol Feminino Rosalía pechou unha actuación marcada polo dominio territorial, a intensidade na presión e a eficacia diante da portería rival. Unha goleada que confirma as boas sensacións do equipo de Carlos Alonso no inicio da tempada e permite ás infantís sumar unha nova vitoria, mantendo ademais a súa portería a cero.
FICHA TÉCNICA
Goles
1-0 (minuto 3′) Lucía Diéguez
2-0 (minuto 31′) Valeria López
3-0 (minuto 34′) Lara Vicente
4-0 (minuto 40+1′) Lucía Diéguez
5-0 (minuto 55′) Lara Jácome
6-0 (minuto 66′) Lara Jácome
7-0 (minuto 73′) Valeria López

