Icona do sitio E.F.F. Rosalia

O Infantil suma unha vitoria de carácter ante o Santiaguiño

As pontinas impuxéronse por 2-1 en Oira grazas aos goles de Emma e Leire, e souberon resistir o arreón visitante nos minutos finais.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía venceu por 2-1 ao Santiaguiño de Guizán no encontro correspondente á cuarta xornada da Liga Galega Infantil, Grupo D.

As locais asumiron o control desde o inicio e dominaron a posesión, aínda que lles custou transformar ese dominio en ocasións claras. No minuto 2, Leire filtrou un balón en profundidade para a carreira de Lucía, que chegou ao bordo da área, pero o seu remate foi blocado en dous tempos por Lucía Pomar.

O conxunto de Carlos Alonso continuou levando o peso do encontro, pero o Santiaguiño defendeu con orde e o descanso chegou sen goles.

Na segunda metade, as pontinas atoparon o premio ao seu dominio. No 51’, Emma recolleu un balón na frontal, buscou o espazo e colocou o remate na esquina, onde nada puido facer Lucía Pomar para evitar o 1-0.

Dez minutos despois, un saque de banda para Leire desde o sector dereito acabou colgando o balón á área. O envío envenenouse, provocou o erro da gardameta visitante e terminou no fondo da portería para poñer o 2-0 no marcador.

Co partido encamiñado, o Santiaguiño deu un paso adiante. No 70’, un rápido contragolpe permitiu a Lara avanzar e ceder o balón para Mónica, que superou a Miriam na saída e recortou distancias.

O gol deu folgos ás visitantes, que buscaron o empate nos minutos finais, pero a Rosalía respondeu con orde e pechou unha importante vitoria de carácter en Oira.

FICHA TÉCNICA

2-Rosalía: Miriam, Sophia, Valeriaz, Lucía Diéguez, Sarita, Alba Feijoo, Enma Sanjurjo, Lara Jácome, Leire, María Poza e Lucía Álvarez. Tamén xogaron: Valeria, Carolina, Candela Lorenzo, Sofía Meixeira e Valeria.

1-Santiaguiño: Lucía Pomar, Esther, Carolina, Lara, Mónica, Mar Pereira, Zaira, Amalia, Valeria, Alba e Uxía Cortiñas. Tamén participaron: Gabriela, Noa Chinchilla, Laura, Arielle e Martina.

Goles

1-0 (minuto 51) Enma Sanjurjo
2-0 (minuto 61) Leire Sánchez
2-1 (minuto 70) Mónica del Jesús

Tarxetas
Amarela (minuto 71) Leire Sánchez

Saír da versión móbil