Icona do sitio E.F.F. Rosalia

Rosalía suma en Oira o seu primeiro punto sobre o céspede

As pontinas, con Emilio Pereira no banco pola sanción de Alberto Tamayo, igualaron co Victoria CF ‘B’ nun encontro con ocasións nas dúas áreas e protagonismo das gardametas Karla e Xiana.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía empatou sen goles ante o Victoria CF ‘B’ no Campo Municipal de Oira, na sétima xornada da Terceira Federación Feminina. O noso sénior conseguiu así o seu primeiro punto nun partido disputado nesta Liga, que se suma aos tres derivados da retirada do Domaio. O encontro deixou oportunidades para os dous equipos, dous balóns ao largueiro e un tramo final no que as pontinas buscaron a vitoria ata o último momento. Alberto Tamayo non puido ocupar o banco por sanción e Emilio Pereira asumiu as indicacións ás xogadoras desde a banda.

O partido comezou con chegadas nas dúas áreas. No minuto 2′, Diana alcanzou a liña de fondo pola esquerda, pero Karla estivo atenta para blocar o centro atrás. A resposta pontina chegou inmediatamente. Andrea entrou na área polo mesmo costado e asistiu a Mihret no punto de penalti. O seu disparo obrigou a Xiana a realizar unha gran intervención para evitar o primeiro tanto. Karla volveu intervir ante un lanzamento afastado de Diana Rey no minuto 5. Pouco despois, Noui chegou a marcar, pero o tanto foi anulado por un fóra de xogo previo de Andrea Calvo ao recibir o balón antes do centro. O intercambio de ocasións continuou. Martina rematou alto desde o bordo da área no minuto 19′ e, un minuto máis tarde, Laura rozou o largueiro cun remate tras un córner executado por Candelita. No 23′, un erro na saída de balón permitiu a Ana encarar a Karla nun man a man. A gardameta pontina respondeu cunha gran man para impedir o gol. O Victoria insistiu con dúas accións de Daniela. Primeiro cun centro que Ana rematou fóra e, posteriormente, cun disparo que Karla desviou a córner. Laura tamén apareceu para frear unha chegada de Martina tras un pase filtrado no minuto 37′. O noso sénior volveu achegarse antes do descanso. Sampayo atopou a Noui cun balón vertical á área un minuto despois, pero Xiana despexou o disparo. A ocasión máis próxima ao gol chegou a un minuto do tempo regamentario da primeira metade, cando un saque de esquina directo de Candelita estivo a piques de converterse nun gol olímpico. Entre a porteira visitante e o largueiro evitaron o tanto.

Karla destacou con varias paradas de moito mérito.

Karla sostén ao equipo e o Rosalía aperta ao final
O Victoria introduciu a Lucía por Martina no descanso e xerou perigo nun córner de Ana tres minutos despois da reanudación. O barullo na área resolveuse entre Karla e a defensa, que conseguiron afastar o balón. Emilio deu entrada a Amelia por Aline no minuto 57. Pouco despois, Candelita volveu poñer en apuros ao conxunto visitante cun córner moi pechado, aínda que a acción non chegou a concretarse. Nuria probou fortuna desde fóra da área no 64′, pero Karla blocou o lanzamento. Un minuto máis tarde, a porteira ourensá protagonizou outra parada de mérito ante Daniela Campo. No 68′ chegou unha das ocasións máis claras das visitantes. Lucía gañou a liña de fondo e cedeu atrás a Diana, cuxo disparo golpeou na parte superior do largueiro e marchou fóra.

As pontinas tamén tiveron opcións para romper a igualdade. No minuto 75′, un bo centro de Aida estivo preto de atopar a Noui, pero Xiana tocou o balón o suficiente para dificultar o remate. Candelita volveu probar á gardameta visitante cun disparo afastado no 81. Daniela Campo respondeu cun roubo e unha internada que terminou cun lanzamento ao exterior da rede. Xa no 89, Candelita executou unha falta desde o bordo da área que se marchou fóra. O desenlace mantivo a emoción. Co tempo cumprido, unha acción de Aida continuou cunha cesión atrás de Amelia para Mihret, que obrigou a Xiana a realizar unha boa parada. A porteira visitante tamén detivo un disparo de Noui un minuto despois. A última oportunidade foi para Lucía Conde, pero Karla interveu de novo no 93′ para conservar o empate.

Un reparto de puntos nun partido no que as nosas souberon resistir nos momentos de maior esixencia e mantiveron a ambición de buscar o gol ata o final.

“O equipo competiu e mantívose unido durante todo o partido”, Emilio Pereira.

“Tivemos ocasións para gañar, pero tamén precisamos das paradas de Karla. O punto ten valor e debe servirnos para seguir medrando», indicou Emilio Pereira ao remate do partido. Tamén sinalou que “quédome coa resposta do grupo e coa ambición dos últimos minutos. Hoxe vimos un equipo que non deixou de traballar nin de buscar a portería rival”.

FICHA TÉCNICA

0 – EFF Rosalía: Karla; Nair (Antía Rodríguez, 77’), Andrea, Candelita, Bonjoch, Sampayo, Laura, Noui, Aida, Aline (Amelia, 57’) e Mihret.
0 – Victoria CF ‘B’: Xiana; Noa, Sila Santiso, Marta, Ana Pereira (Noelia, 68’), Martina (Lucía Conde, 46’), Andrea (Daniela, 59’), Diana, Irene (Sara Acevedo, 68’), Yara (Nuria, 59’) e Daniela Campo.

Goles

Sen goles.

Tarxetas

Amarela (minuto 78) Antía Rodríguez
Amarela (minuto 88) Noa Rodríguez

Vídeo: Partido completo.
Saír da versión móbil