O noso equipo afronta mañá domingo a 20ª xornada do campionato cun novo reto en Oira (12.30 h, tiivii.gal): recibir ao Xallas FC coa intención de seguir fortes na parte alta da táboa.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía chega á cita situada na 3.ª posición con 43 puntos, tras a vitoria da última xornada ante o Sporting Burgo (3-0). Ademais, o equipo está a asinar unha gran tempada en casa: 9 partidos como local, 7 vitorias e 2 empates, sen coñecer a derrota en Oira. O partido preséntase como unha oportunidade para prolongar o bo momento tras o último resultado.
No partido da primeira volta, Rosalía e Xallas asinaron táboas (1-1, xornada 5) con goles de Olalla e Añón. Un precedente que reforza a idea de que o duelo se decidirá por detalles.
“Se non igualamos o seu nivel de concentración, pagarémolo”, Alberto Tamayo
“Xogamos en casa e iso ten que notarse. Queremos un equipo valente, con ritmo e con concentración desde o primeiro minuto”, indicou Tamayo na previa ao primeiro partido de marzo. Restará a dobre cita a domicilio con Cambre e Carral e a visita do Calo ao municipal de Oira para pechar o mes. Para o duelo de mañá, o noso adestrador non poderá contar con Aline, pero si estará a máxima goleadora histórica do club, Zaira.
O rival
O Xallas FC visita Oira na 11.ª posición, con 18 puntos. É un equipo competitivo, capaz de sumar fóra de casa, e que chega co obxectivo de puntuar para escalar postos na clasificación. A nivel ofensivo, conta con varias xogadoras para vixiar: a súa referencia principal é Olalla Antelo (9 goles, 1 de penalti), ben acompañada por Claudia Espasandín (5) e Paula Barcia (4), o que confirma que é un equipo con recursos para xerar perigo desde diferentes perfís.

