Site icon E.F.F. Rosalia

Triunfo sólido para afianzar o liderado nun partido gris

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía suma os tres puntos ante o Orzan ‘B’ nun partido gris cos goles de Sabela, Antía, Bouzas e Noui e chega ao parón no alto da táboa

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía sumou unha nova vitoria ante o Orzán (4-1) para manterse líder en solitario da clasificación con 26 puntos. Nun partido gris e, á súa vez, intenso e accidentado, as pontinas non mostraron a súa versión máis brillante, pero lograron impoñer a súa calidade para asegurar tres puntos moi importantes. O encontro quedou marcado polas lesións de , por parte da EFF Rosalía, e Marta, no conxunto visitante.

Pepe González, coñecido xornalista pontino, foi homexaneado nos prolegómenos.

O choque arrincou con moito ritmo. Ao minuto de xogo, Couto armou o primeiro gran contragolpe do encontro e filtrou un pase a Carolina, que gañou en velocidade a Añón, pero topouse cunha gran intervención de Karla. As visitantes seguían apertando: no seis, Aldara probou sorte desde fóra da área, aínda que o seu disparo saíu desviado. Rosalía respondeu rápido. Un minuto despois, un centro de Noui desde a dereita terminou nun remate de Losada desviado a córner pola defensa do Orzán. A pesar de que o Orzán tivo uns minutos de insistencia, o primeiro golpe deuno noso equipo. No trece, tras un centro desde a esquerda de Losada e un despexe curto, Noui recolleu na área, cedeu atrás a Sabela e esta colocou un disparo axustado ao pau para abrir o marcador. Ao bordo da media hora, chegou o segundo tanto, unha acción de enorme calidade. A xogada naceu na esquerda, pasou por Sampi e terminou no costado dereito nos pés de Antía, que encarou, recortou e sacou un potente zurdazo por alto. Ángela chegou a tocar, pero non evitou o segundo para as pontinas. A pesar do golpe, Orzán reaccionou. Un minuto despois, Couto filtrou un balón longo a Daniela, que se plantou soa ante Karla, pero a porteira volveu impoñerse. Dous minutos despois, a mesma Daniela recortou na área e estrelou un disparo durísimo no traveseiro.

Un segundo tempo de intercambio de golpes
Na continuación, Couto volveu xerar perigo no 49’ cun pase en profundidade que deixou a Daniela entre centrais, pero Karla saíu con valentía para desbaratar outra ocasión clara. O sénior replicou cun contragolpe dous minutos despois, iniciado por Couto e continuado por Marta pola esquerda, pero o seu disparo terminou blocado por Karla. As visitantes recortaron distancias cando Lola presionou a Aldarita, roubou o balón e cruzou un remate certeiro dentro da área. Lonxe de virse abaixo, o equipo de Tamayo buscou sentenciar. Non o conseguiu cando Noui chegou ao punto de penalti, internouse na área e Lola evitou o gol desviando a córner. Ángela volveu aparecer para frear os disparos de Miriam e Sampi. Posteriormente, Antía tentou sorprender desde a esquerda cun disparo axustado que saíu rozando o pau. E no 82’ chegou un dos golazos da tarde. Bouzas recuperou no círculo central, levantou a cabeza e lanzou un disparo perfecto desde longa distancia que sorprendeu á gardameta do Orzán. O balón entrou limpo para o 3-1. O definitivo 4-1 asinouno Noui culminando unha xogada colectiva para pechar o triunfo.

“O resultado é bo e permítenos seguir líderes, pero sabemos que non foi o noso mellor partido. Faltounos fluidez e cometemos erros que non adoitamos cometer”, Alberto Tamayo.

“O equipo tivo personalidade para reaccionar e eficacia en momentos clave. Iso tamén define a un equipo competitivo. O peor do día son as lesións. A de preocúpanos especialmente. Dámoslle todo o noso apoio e desexamos que se recupere pronto á espera das probas dos servizos médicos. En canto a Marta, xogadora do Orzán, dámoslle todo o noso ánimo e que volva aos terreos de xogo canto antes”, destacou o noso técnico no postpartido.

Vídeo: Partido completo

FICHA TÉCNICA
4-Rosalía: Karla, Lú (Miriam 81′), Noa (Mihret 45′), Sampi, Añón, Noui, Sabela (Antía Rguez. 71′), Antía (Sanmiguel 79′), Bouzas, Losada (Aldarita 45′) e Aline.
1-Orzán: Ángela, Sara, Lola, Tania, Aldara, Leire, Carolina, Martina, Daniela (Marta 50′), Couto e Valentina.

Goles
1-0 (minuto 13) Sabela
2-0 (minuto 29) Antía
2-1 (minuto 56) Lola
3-1 (minuto 82) Bouzas
4-1 (minuto 90) Noui

Exit mobile version