Un gol de Sampi e dous de Antía, dan os tres puntos ante o Sárdoma ‘B’ no Municipal de Oira.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía terminou o 2025 cunha vitoria contundente por 3-0 sobre Sárdoma ‘B’, nun partido que dominaron de principio a fin. Este resultado permite ao equipo pontino manter o liderado en solitario da Primeira División Galega Feminina Arzúa-Ulloa DOP, confirmando o seu gran momento de forma e a súa sólida posición na cima da táboa.
O encontro comezou cunha clara intención das locais por impoñer o seu xogo, cunha defensa adiantada que non permitiu a Sárdoma crear ningunha ocasión clara nos primeiros compases do partido. A primeira oportunidade chegou no minuto 2, cando Bouzas sacou un córner ao corazón da área, pero o remate de Aldarita foi detido pola porteira rival, Ares. Con todo, Rosalía non tardou en abrir o marcador: aos 6 minutos, un pase profundo cara a Sanmiguel deixou á xogadora nunha carreira coa defensa rival, e aínda que Ares tentou despexar o balón, o rexeitar cazouno Sampi, quen non fallou no man a man e puxo o 1-0.
Noso equipo seguiu presionando e aumentando o seu dominio. No minuto 15, Antía ampliou a vantaxe cun gran pase filtrado de Añón, que lle permitiu avanzar en velocidade e cruzar o balón lonxe de Ares para anotar o 2-0. Sárdoma tentou reaccionar, pero non logrou concretar ningunha oportunidade antes do descanso. Aos 41 minutos, Nair tivo unha gran xogada dentro da área, desfacéndose de dous rivais, pero o seu remate foi ben detido pola gardameta rival.
“É un gran peche de ano para o equipo, pero sabemos que aínda queda moito por facer”, Alberto Tamayo.
Xa na segunda metade, Sárdoma saíu con máis intencións ofensivas, buscando acurtar distancias, pero o conxunto de Tamayo mantivo o control. Aos 49 minutos, un agarrón de Uxía sobre Antía dentro da área terminou en penalti. Con todo, Ares logrou deter o disparo de Antía. No minuto 50, Martina tivo unha boa oportunidade, pero Karla realizou dúas grandes intervencións, evitando que o balón entrase na súa portería. A pesar das tentativas de Sárdoma, Rosalía non cedeu nadiña de nada de terreo. No minuto 66, un contragolpe de Noui pola banda dereita terminou cun centro perfecto que Antía aproveitou para superar a Ares e poñer o 3-0 definitivo no marcador.
O encontro non só foi importante pola vitoria, senón tamén porque Laura Añón alcanzou unha efeméride significativa: o seu partido número 100 coa camiseta da Escola de Fútbol Feminino Rosalía. A xogadora, que foi titular e disputou os 90 minutos, celebrou esta ocasión especial cunha vitoria, consolidando o seu legado no club.
“Estamos moi contentos co resultado e o rendemento do equipo. A actitude das xogadoras foi exemplar e estamos moi satisfeitos coa solidez defensiva que mostramos, ademais da efectividade en ataque. Imos seguir traballando coa mesma intensidade para continuar loitando polos nosos obxectivos”, resaltou o noso adestrador ao termo do encontro.




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino