O gol da debutante Irene dá os tres puntos ao noso equipo en Pastoriza na volta á competición despois de 20 de parón.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía asinou unha vitoria de enorme carácter no campo do Pastoriza, onde tivo que sobrepoñerse a un gol no primeiro minuto e a unha primeira parte na que o marcador foi inxusto con todo o que xerou o conxunto visitante. As de Alberto Tamayo dominaron, acumularon ocasións e, nunha segunda metade brillante, remontaron para levarse tres puntos que reforzan o seu liderado na clasificación.
O partido arrincou cun xerro de auga fría. No minuto 1′, tras dous saques de esquina consecutivos, Antía aproveitou unha acción na área para adiantar ao Pastoriza nunha acción sen aparente perigo na que se confiou Karla e o balón rematou no fondo da rede. Lonxe de descompoñerse, noso equipo reaccionou con personalidade e comezou un asedio constante sobre a portería local defendida por Uxía. En apenas sete minutos dispuxo de catro ocasións clarísimas. Antía estrelou un disparo no pau, Noa rozou o gol no rexeite doutro disparo de Antía, Noui atopouse con Uxía nun man a man e Sampi obrigou á gardameta para lucirse cunha gran estirada. O dominio era total. Chegaron novas oportunidades, cunha dobre intervención espectacular da porteira ante disparos de Noa e Aldarita, unha ocasión tras unha gran aparición de Bouzas, que Noa soa ante a gardameta, remata fora e un remate de cabeza ao traveseiro de Aldarita tras un córner cuxo rexeite, xa dentro según afección visitante, non subiu ao marcador. O descanso chegou cun sorprendente 1-0 que non reflectía o visto sobre o céspede.
“Hoxe non gaña unha xogadora, gaña o equipo”, Alberto Tamayo.
A segunda parte mantivo o mesmo guion. O equipo pontino seguiu empuxando e atopou por fin o premio no minuto 51′. Nair filtrou un gran pase en profundidade para Sampi, cuxo man a man volveu ser repelido, pero Bouzas apareceu con determinación para empatar o encontro. O gol deu aínda máis impulso ás visitantes, que non levantaron o pé. A remontada consumouse no tramo final. A seis minutos do final, un centro preciso de Sampi atopou a chegada desde atrás de Irene, que no seu debut co sénior asinou o 1-2 cun remate cheo de convicción. Un tanto que coroou unha actuación coral e unha vitoria merecidísima.
Ao termo do encontro, Alberto Tamayo destacou a personalidade do equipo: “Encaixar no primeiro minuto e seguir crendo di moito deste grupo. Xeramos moitísimo fútbol, moitísimas ocasións, e nunca deixamos de insistir. Esta vitoria é un premio ao traballo, á fe e á ambición destas xogadoras”. “E que Irene marque no seu debut é o reflexo perfecto do espírito que temos”, engadiu o técnico á nosa web.




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino