Rosalía imponse no derbi ourensán e pecha a primeira volta líder

As de Alberto Tamayo resolveron un partido de máxima igualdade cun gol de Noa antes do descanso e un dobrete de Noui decisivo na segunda metade.

Escola de Fútbol Feminino Rosalía levou o derbi provincial ante o C.D. Arenteiro por 3-1 nun duelo típico de rivalidade, moito control, pouca concesión e unha tensión constante por evitar o erro propio máis que por forzar o alleo. Con este triunfo, o conxunto pontino asegúrase o primeiro posto ao termo da primeira volta.

O encontro arrincou con minutos de tenteo e equilibrio, pero, a medida que avanzou o primeiro acto, o noso equipo foi asentándose con balón e atopando mellores secuencias de posesión. A primeira gran ocasión chegou no minuto 16’. Bouzas filtrou para Sampi, Jaira despexou e o rexeitar cazouno Noui desde o punto de penalti, pero o seu remate marchou alto. Pouco despois, unha acción coral acabou cun pase de Noui á carreira de Antía, cuxo disparo blocou Paula sen problemas (20’). As azuis insistían. Bouzas probou desde a frontal un minuto despois e o partido mantívose nesa liña de dominio contido e poucas fisuras.

Arenteiro tamén tivo os seus momentos, con Letizia gañando as costas á defensa, aínda que sen finalizar con limpeza aos 25 de xogo, e unha falta directa de Expo sen consecuencias ao bordo da media hora. No 37’, Rosalía rozou o gol. Xogada pola esquerda de Noui e, tras varios rexeites, Noa rematou no segundo pau, pero Candela Currás salvou sobre a liña. A insistencia tivo premio xusto antes do descanso. Centro de Antía desde a dereita tras un saque de banda e Noa, atenta ao desaxuste defensivo, rematou a gol desde o punto de penalti para asinar o 1-0 a falta de tres minutos para o descanso.

Añón xunto ás súas compañeiras centenarias.

Reacción visitante e resposta inmediata
Tras o paso por vestiarios, Arenteiro deu un paso á fronte e o partido abriuse. Rosalía puido ampliar pronto. Noui aproveitou un mal despexe, encarou á gardameta, pero un control longo facilitou a acción de Paula (46’). Aínda así, o empuxe ‘verde’ atopou o empate nunha acción de dúbidas na área, tras unha recuperación e balón colgado á frontal, Sara meteu a punteira para igualar o marcador (1-1, minuto 56’).
A reacción pontina foi sobresaliente. Nos equipo recuperou a calma con balón, volveu cargar por fóra e atopou ocasións claras. Bouzas estrelou un disparo no traveseiro desde uns 25 metros e, no rexeite, Noui recolleu na frontal, armou o golpeo e puxo o 2-1 no minuto 70′. Con vantaxe, o equipo de Tamayo xestionou o tramo final con intelixencia e pegada. Antía obrigou a Paula a despexar a córner tras unha boa internada e, xa no 78’, chegou a acción que pechou o derbi. Nair iniciou o ataque, cedeu a Antía e o seu centro controlouno Noui para rematar cunha vaselina no segundo pau e asinar o 3-1 definitivo. Arenteiro tentouno ata o minuto final aproveitando que o noso equipo se había quedado con nove xogadoras tras as lesións de Antía Rodríguez e Aldarita no minuto 90+2′, pero as pontinas ordenáronse e defenderon as acometidas rivais nos derradeiros cuatro minutos de partido.

“Foi un derbi moi pechado, deses nos que o partido che pide paciencia e cabeza”, Alberto Tamayo

“Terminar a primeira volta no primeiro posto é un premio ao traballo diario, pero isto non para aquí. Toca seguir coa mesma humildade e ambición.”, destacou o noso técnico en declaracións á web.

FICHA TÉCNICA
3-Rosalía: Karla, Nair (Irene 87′), Aldarita, Noa, Sampi, Añón (Mati 87′), Noui (Sanmiguel 87′), Miriam, Antía (Sabela 87′), Bouzas e Aline (Antía Rguez. 73′).
1-Arenteiro: Paula, Expo, Xiana, Noelia, Cuque (Andrea 68′), Clau (Moraima 82′), Zaira, Ester (María 55′), Currás (Ainara 82′), Leti (Sara 46′) e Saleta.

Goles:
1-0 (minuto 42) Noa
1-1 (minuto 56) Sara
2-1 (minuto 70) Noui
3-1 (minuto 78) Noui

Vídeo: Partido completo.

Check Also

A EFF Rosalía pecha 2025 con vitoria ante Sárdoma “B” e mantense líder en solitario

Un gol de Sampi e dous de Antía, dan os tres puntos ante o Sárdoma …

Ir o contido