O equipo volve ao noso campo no último partido do ano para afrontar a 12ª xornada de Liga (12.00 h; tiivii.gal).
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta este domingo o último partido oficial de 2025 co obxectivo de sumar tres novos puntos e reforzar o seu liderado na Primeira División Galega Arzúa-Ulloa DOP. O conxunto dirixido por Alberto Tamayo recibe ao Sardoma CF “B” nun duelo correspondente á xornada 12 do campionato, que servirá para poñer o broche final ao ano competitivo.
O equipo chega á cita nun gran momento de forma tras impoñerse na última xornada a Atlético San Pedro (1-2) a domicilio, un triunfo que confirmou ás pontinas como líderes en solitario da clasificación, con 29 puntos tras 11 xornadas disputadas. O noso equipo está a asinar unha primeira volta sobresaliente, cun balance de 9 vitorias, 2 empates e ningunha derrota, ademais de ser o equipo menos goleado da categoría (8 goles encaixados) e un dos máis efectivos en ataque (34 goles a favor). O encontro ante o Sardoma CF “B” será unha oportunidade para reforzar a confianza do grupo, ampliar a vantaxe no liderado e despedir o ano cunha nova vitoria ante a afección, antes do parón do Nadal.
“Chegamos ao último partido do ano con moita ilusión e co traballo ben feito ata o de agora”, Alberto Tamayo.
No apartado individual, destacan Añón e Noui, máximas goleadoras do equipo con 6 tantos cada unha, ben secundadas por Sampi e Bouzas, pezas crave no xogo ofensivo que non faltarán á cita de mañá, igual que Mati, que volta á lista de 16. “Queremos pechar 2025 cunha vitoria, pero sabendo que ninguén regala nada nesta liga. O Sárdoma vén de gañar e iso sempre é un sinal de alerta”, indicou Tamayo na previa á nosa web.

O rival
O Sardoma CF “B” visita o campo municipal de Oira situado na parte baixa da táboa. O conxunto vigués ocupa actualmente a 16ª posición, con 4 puntos, e chega tras gañar o seu último encontro ante Sporting Burgo (5-0), resultado que lle deu aire na clasificación. A pesar da súa posición, é un rival que tentará aproveitar o peche de ano para competir sen presión e buscar sorprender, especialmente en accións a balón parado e transicións rápidas.




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino