Icona do sitio E.F.F. Rosalia

Aldarita culmina no minuto 101 a primeira vitoria sobre o céspede

As pontinas remontaron en Iñás cun gol de Laura e outro de Aldarita no desconto para conseguir o primeiro triunfo da tempada sobre o terreo de xogo.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía conseguiu ante o Atlético San Pedro unha vitoria tan traballada como emocionante. O noso sénior levantou o tanto inicial das locais e resolveu o encontro da oitava xornada da Terceira Federación Feminina cun gol de Aldarita no minuto 101. Laura, autora do empate e da asistencia definitiva, foi protagonista dunha remontada que permite ás pontinas celebrar o seu primeiro triunfo do curso sobre o céspede.

O conxunto de Alberto Tamayo, que xa puido estar sentado no banco, saíu coa intención de levar o ritmo do partido, aínda que a igualdade e a precaución marcaron os primeiros compases. Andrea e Sampi protagonizaron os achegamentos iniciais, con remates que detivo Aroa. No outro extremo, Karla respondeu cunha boa saída ao bordo da área para anticiparse á carreira de Emma tras un pase de Rocío.

A ocasión máis clara das nosas antes do descanso chegou no minuto 35′. Nunha acción rápida desde a defensa, Sampi recibiu na medular e asistiu a Andrea, que se presentou soa ante Aroa, pero rematou fóra. As locais tamén estiveron preto do gol. Ariadna recolleu un balón despexado tras un córner, buscou espazo na frontal e enviou o seu disparo ao largueiro no minuto 40′.

Laura abre o camiño da remontada
O Atlético San Pedro adiantouse no minuto 53′. Karla desviou a córner un disparo de Ariadna e, no posterior saque de esquina de Rocío, Ainhoa aproveitou o balón despexado pola gardameta para establecer o 1-0. Pouco despois, Rocío volveu ameazar cun lanzamento de falta que saíu moi preto da escuadra. Noso senior atopou a resposta en Laura. No minuto 66′, avanzou pola banda dereita e, desde o pico da área, conectou un gran disparo que superou a Aroa polo pau longo. O empate deu paso a unha fase de insistencia pontina, de novo con Laura como protagonista. Primeiro obrigou a intervir á porteira e, despois, dispuxo dunha ocasión a porta baleira tras un mal despexe de Aroa fóra da área, aínda que o seu remate saíu desviado. Aida tamén probou desde lonxe, mentres que Karla mantivo a igualdade cunha intervención decisiva nun man a man con Ariadna. O encontro seguía aberto e as nosas continuaron buscando o segundo. Un centro de Laura atravesou a boca de gol sen que Andrea, Zai ou Amelia puidesen rematalo, e Aldarita esixiu a Aroa con dous disparos.

Aldarita decidiu nun desconto moi prolongado
Un choque de cabezas entre Lara e Laura obrigou a deter o xogo durante varios minutos e á retirada da futbolista local. Outra asistencia no tempo engadido prolongou aínda máis o partido, pero noso equipo mantivo a ambición ata a última acción. Candelita avisou no 90+9′ cun disparo que saíu pegado á escuadra. Dous minutos despois chegou o premio. Unha combinación entre Candelita e Laura rematou cun pase desta última á chegada de Aldarita, que apareceu na área e bateu a Aroa para asinar o definitivo 1-2.

Un gol que culminou a remontada e permitiu ao noso sénior regresar de Iñás cos tres puntos, nun encontro no que soubo reaccionar á desvantaxe e insistir ata o final.

“Estes tres puntos deben darnos confianza para seguir traballando e mellorando”, Alberto Tamayo.

Ao remate do mesmo, Alberto Tamayo destacou que “Esta vitoria ten moito valor polo que nos estaba custando conseguila e pola maneira de chegar. O equipo non baixou os brazos co 1-0, seguiu buscando a portería e mantivo a confianza ata o último momento”. Ademais, añadiu en declaracións a nosa web que “Tivemos ocasións para marcar antes, pero tamén precisamos das intervencións de Karla para seguir no partido. Quédome coa resposta de todo o grupo. Estes tres puntos deben darnos confianza para seguir traballando e mellorando”.

FICHA TÉCNICA

1 – San Pedro: Aroa; Andrea Ansede (Noa Martínez, 56’), Alba, Helena, Nadia (María Mouriz, 46’), Rocío, Ainhoa, Ariadna, Silvia (Eva, 85’), Emma e María Vilariño (Ángela, 56’; Lara, 90’).

2 – Rosalía: Karla; Nair (Zaira, 75’), Andrea (Miriam, 75’), Candelita, Aldarita, Bonjoch (Mihret, 46’), Sampi, Laura, Noui (Amelia, 56’), Aida e Aline (Antía Rodríguez, 79’).

Goles
1-0 (minuto 53) Ainhoa
1-1 (minuto 66) Laura
1-2 (minuto 90+11) Aldarita

Tarxetas
Amarela (minuto 88) Nair
Amarela (minuto 90) Ainhoa

Saír da versión móbil