Añón asina un punto valioso en Santa Comba

O tanto da defensa na segunda parte certifica o empate no segundo encontro a domicilio consecutivo do sénior.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía sumou un empate traballado na súa visita ao Municipal de Fontenla ante o Xallas (1–1). As locais adiantáronse xusto antes do descanso e Laura Añón igualou mediado o segundo tempo para premiar o dominio das pontinas nun duelo dirixido polo colexiado Diego Grille Landeira, discutido pola afección visitante por algunas decisiones tomadas no transcurso do partido.

O plan das pontinas impúxose desde o inicio. Bloque alto, circulación paciente e moitos minutos en campo contrario. O Xallas, acazapado, buscou as contras con balóns longos ás costas, sen ocasións claras. As primeiras chegadas foron visitantes. Aos nove minutos de xogo, parede na frontal entre Aldarita e Noui que terminou co disparo da ‘15’ marchándose fora. Dous minutos despois, Añón apareceu pola dereita e Rosio atrapou o seu tiro afastado. Ao cuarto de hora, recuperación de Añón, pase de Miriam e a incorporación de Sabela pola esquerda acabou cun remate centrado. Acto seguido, Noa probou de lonxe e estrelou o balón no traveseiro cun forte chut. Cando mellor estaban as ‘azuis’, unha falta no bordo da área permitiu ao Xallas golpear primeiro. Olalla transformou o libre directo para o 1–0 xusto antes do intermedio.

Tras o descanso, o guion non cambiou. As de Alberto Tamayo seguiron mandando con balón e acumulando chegadas. Añón rozou o empate no 47’ cun disparo alto. A reposta visitante foi cortada por Mihret, que evitou o 2–0 cunha gran axuda defensiva que mandou a córner unha contra de Espasadín (minuto 57’). As locais ameazaron cun saque de esquina olímpico de Olalla pasada a hora de xogo, pero o Rosalía respondeu: centro de Losada e cabezazo desviado de Añón.

Taboas no luminoso
A recompensa chegou no 73’. Bouzas recuperou e filtrou ao desmarque de Laura Añón, que se adiantou á zaga e á saída de Rosio para definir raso e asinar o 1–1. Bouzas volveu tentalo desde a frontal cuatro minutos despois e, xa no engadido, unha falta colgada pola ‘21’ atopou a Zaira no punto de penalti, pero o seu remate non atopou porta. Na última do Xallas, Karla blocou un disparo de Espasadín. Punto que reforza sensacións e continuidade competitiva para unha Rosalía que marcha de Santa Comba coa cabeza alta e boas noticias no xogo, co ‘pero’ de mellorar a definición en área rival.

FICHA TÉCNICA:
1-Xallas: Rosio, Carla, Graciela (Soraya, minuto 75), Ainhoa, Paula (Silvia, minuto 79), Maria, Olalla, Noelia, Claudia Espasandin, Daniela (Sara, min. 50) e Andrea.
1-Rosalía: Karla, Nair (Zaira, minuto 46), Lú, Aldarita, Noa (Ainhoa, minuto 70), Añón, Noui, Miriam (Mihret, minuto 46), Sabela (Losada, minuto 56), Antía (Aline, minuto 46) e Bouzas.

Goles
1-0 (minuto 45) Olalla
1-1 (minuto 73) Añón

Tarxetas
Amarela (minuto 45) Alberto Tamayo
Amarela (minuto 79) Ainhoa Rodríguez

Check Also

Lóstrego ‘B’-Rosalía: esixente proba polo liderado

As ourensás visitan esta fin de semana o Novo Mirador de Beade para medirse ao …

Ir o contido