Candela Bouzas chega ao club das 100

A centrocampista, formada no club desde 2018, celebrou este fito con gol e vitoria ante o Sporting Burgo.

Candela Bouzas alcanzou a cifra de 100 partidos oficiais co equipo sénior da Escola de Fútbol Femenino Rosalía no encontro disputado o pasado 22 de febreiro fronte ao Sporting Burgo, correspondente á xornada 18 da 1ª División galega Arzúa-Ulloa DOP, e que terminou con vitoria por 3-0. A centrocampista, ademais, asinou o segundo tanto do partido nunha mañá moi especial para o club e para a propia xogadora.

A futbolista chegou á Escola de Fúbol Femenino Rosalía no ano 2018 para formar parte do equipo alevín que se proclamou subcampión da primeira Liga Promesas galega feminina. Desde entón, o seu crecemento dentro do club foi constante, converténdose co paso dos anos nunha peza importante dentro do equipo sénior.

Bouzas co título de subcampionas galegas.

O seu debut co primeiro equipo produciuse na tempada 2021/22, na xornada 8, o 12 de decembro de 2021, no encontro Rosalía-Gondomar. Aquel día, Bouzas non só estreou o seu contador de partidos sendo titular cunha vitoria por 7-0, senón que tamén viu porta ao anotar o 1-0 no minuto 22′ tras unha asistencia de Lidia aparecendo por sorpresa no área visitante e superando a gardameta rival cun remate colocado co interior da perna dereita. Logo foi sutituida no minuto 53′ por Aldarita.

Desde esa estrea ata alcanzar os 100 partidos, Candela Bouzas repartiu as súas aparicións da seguinte maneira:

  • 1 partido na tempada 2021/22
  • 23 na 2022/23
  • 28 na 2023/24
  • 30 na 2024/25
  • 19 na 2025/26 (101 partidos na xornada 20 de liga).

Ademais, a centrocampista acompañou esta traxectoria con 27 goles oficiais, distribuídos así: 1 na tempada 2021/22, 7 na 2022/23, 5 na 2023/24, 7 na 2024/25 e 7 na 2025/26 ata a data do partido 100. Unha cifra que reflicte tamén o seu peso no xogo ofensivo do equipo.

Outro dos momentos sinalados do seu percorrido chegou no partido número 50, alcanzado na tempada 2023/24, na xornada 26, o 21 de abril de 2024, no encontro entre o Sporting Aguiño e a EFF Rosalía.

Con motivo deste fito, o club quixo renderlle homenaxe no encontro ante o Xallas, facéndolle entrega dun cadro conmemorativo polos seus 100 partidos coa camiseta do club.

Parabén, Candela, por estes 100 partidos co sénior da EFF Rosalía!

Bouzas, acompañada das outras centenarias.

Check Also

A EFF Rosalía vestirá Kappa a partir da tempada 2025/26

A firma italiana vestirá á EFF Rosalía ata 2030 nun acordo que reforza o crecemento …

Ir o contido