Empate do Infantil ante o Xuventú Aguiño na súa despedida do curso

María Poza adiantou ás locais na primeira parte e Anira igualou para o conxunto visitante nos últimos minutos.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía pechou a segunda fase e a tempada cun empate fronte a Xuventú Aguiño no campo municipal de Oira, en Ourense, na xornada 7 do Grupo Prata I da liga Galega Infantil feminina. O encontro terminou con 1-1, con goles de María Poza no minuto 38′ e Anira Moraña no 79′. Destacou a cantidade de alevíns (7) que debutaron co equipo de superior categoría, entre elas a mellor xogadora do partido, Valeria Meixeira.

O partido comezou igualado, cos dous equipos tentando marcar o seu ritmo e asentarse sobre o terreo de xogo. A primeira gran ocasión chegou no minuto 32′, tras un córner provocado por Nuria Caride. A propia xogadora encargouse de executalo e, despois de quedar o balón solto dentro da área, Sara rematou ao poste nunha acción que puido adiantar ao conxunto pontíno.

O premio para as locais chegou no minuto 38. María Poza recuperou o balón en zona defensiva, arrincou con potencia superando a varias rivais e finalizou a xogada cun tiro cruzado ante Lina para poñer o 1-0. Antes do descanso, o Aguiño respondeu cunha acción perigosa: Alicia recolleu o balón na frontal e asistiu a Andrea, pero Valeria estivo moi atenta para tapar o oco e despexar o disparo rival.

Valeria sostivo ao Infantil
Tras o paso por vestiarios, o Xuventú Aguiño saíu cunha presión alta que lle permitiu recuperar rápido a posesión na saída de balón local. Anira avisou nada máis comezar a segunda metade cun disparo afastado que blocou Valeria. Pouco despois, a gardameta local volveu aparecer cunha gran intervención para mandar a córner outro tiro de Anira. Na acción posterior, a propia xogadora visitante volveu probar desde a frontal, pero Valeria respondeu de novo con outra parada decisiva. O Aguiño continuou buscando o empate con insistencia. Nuria Olveira obrigou a intervir a nosa gardameta no minuto 45′ e Anira volveu tentalo no 53′, aínda que a porteira ‘azul’ blocou o disparo. O conxunto pontino tamén tivo a súa oportunidade de ampliar a vantaxe e chegou a marcar no minuto 61, pero o tanto foi anulado por falta previa sobre Lina.

Cando o partido entraba no seu tramo final, o conxunto visitante atopou o empate. No minuto 79′, Nuria Olveira recuperou en tres cuartos de campo e centrou ao segundo pau, onde apareceu Anira para asinar o 1-1. Xa no engadido, Sara tivo a última para o Rosalía nun contragolpe no que se presentou soa ante Lina, pero a gardameta visitante gañou a partida e evitou o gol local.

Con este resultado, a Escola de Fútbol Feminino Rosalía conclúe a segunda fase na sexta posición do Grupo Prata I, con 6 puntos, mentres que o Xuventú Aguiño finaliza oitavo con 1 punto.

FICHA TÉCNICA

1-Rosalía: Valeria Meixeira, Candela Lorenzo, Sofía Meixeira, Liliana, Sophia Aroa, Lucía, Nuria Caride, Noa Pazos, Alba e María Poza. Tamén xogaron: Leire , Sara Pérez, Alicia, Martina e Naiara.


1-Xuventú Aguiño: Lina, Sabela, Emma, Alicia , Anira Moraña, Manuela, Sara, Claudia, Nuria Olveira, Alejandra e Shana . Tamén xogaron: Lia e Andrea.

Goles:
1-0 (min. 38) María Poza.
1-1 (min. 79) Anira Moraña.

Vídeo: Partido.

Check Also

O Infantil arrinca 2026 cunha vitoria contundente en Oira

O equipo infantil da EFF Rosalía impúxose por 5-1 ao Valladares no campo municipal de …

Ir o contido