A defensa central cumpre 100 partidos oficiais co primeiro equipo tras unha traxectoria marcada pola regularidade, o liderado e 21 goles desde o seu debut na tempada 2021/22.
Laura Añón xa forma parte do selecto grupo de futbolistas centenarias da Escola de Fútbol Feminino Rosalía. A defensora central, que destaca pola súa garra, carácter competitivo e capacidade para ‘dar o 110%’ en cada acción, alcanza a cifra de 100 partidos co equipo sénior en só cinco tempadas, converténdose na sexta xogadora en logralo, tras Zaira, Noa, Sabela, Aldarita e Noui.
Do Promesas ‘B’ ao primeiro equipo
A historia de Añón co club comezou na tempada 2017/18, cando se incorporou ao Promesas ‘B’. Desde entón, a súa progresión foi constante, sumando experiencia e crecendo ata consolidarse como unha peza de pleno dereito na estrutura competitiva do club pontino. O salto definitivo chegou o 24 de outubro de 2021, data do seu debut co sénior no encontro San Mateo–Rosalía, correspondente ao primeiro partido da tempada 2021/22, con Miguel Saa como adestrador. Unha estrea especialmente significativa, Laura debutou sendo aínda cadete, unha mostra do potencial e a confianza que o corpo técnico depositou nela desde o primeiro día.

Un primeiro gol para a memoria
A súa primeira diana co primeiro equipo tamén quedou sinalada no calendario, foi o 28 de novembro de 2021, no partido Rosalía–Peñasco. Aquel día, Añón asinou o 2-0 nun choque que terminou con vitoria por 3-0, iniciando así unha faceta ofensiva pouco habitual para unha defensa central, pero que co paso das tempadas converteríase nun valor engadido. Nestes cinco anos, Laura consolidouse como unha xogadora clave no esquema de todos os técnicos que pasaron polo banco, achegando solidez, contundencia e liderado competitivo desde a retagarda.
O seu camiño ata os 100 partidos resúmese nun balance de participación por tempada que reflicte a súa constancia:
- 12 partidos (2021/22)
- 27 partidos (2022/23)
- 26 partidos (2023/24)
- 24 partidos (2024/25)
- 11 partidos (2025/26)
O club rendeulle homenaxe no partido 102, en casa, no derbi ante o Arenteiro, onde recibiu un cadro conmemorativo xunto aos seus outras compañeiras centenarias. Un recoñecemento a unha futbolista que xa é parte da historia da Escola de Fútbol Feminino Rosalía.




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino