Regreso con ambición tras o parón do Nadal enfrontándose a Pastoriza

Despois do parón do Nadal, a EFF Rosalía afronta o primeiro compromiso oficial do ano ante SDC Pastoriza co obxectivo de continuar no máis alto da clasificación e prolongar as boas sensacións do último tramo de 2025.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta mañá domingo o seu primeiro compromiso oficial de 2026 visitando o campo da S.C.D. Pastoriza, no partido correspondente á xornada 13 da Primeira División Galega Arzúa-Ulloa DOP. O encontro supón a continuación da liga tras o parón do Nadal e chega nun momento clave para consolidar o liderado do conxunto pontino. Un duelo que se presenta esixente pero ilusionante para as xogadoras dirixidas por Alberto Tamayo.

Este enfrontamento marca a continuación da competición na Primeira División Galega Feminina, e o noso sénior chega ao encontro nunha posición destacada na clasificación, tras pechar 2025 cunha vitoria que reafirmou o seu liderado e cunha serie positiva de resultados acumulados antes do parón. Historicamente, o primeiro partido do ano tras o parón foi un encontro de bos resultados para as ‘azuis’: triunfo en 2019 en Bueu (4-3), derrota axustada en 2020 (1-2 ante Pereiro) e vitorias contundentes en 2022 (9-0 fronte Cañiza), 2023 (4-1 na visita ao San Mateo), 2024 (2-1 ante Calo) e 2025 (3-0 en casa fronte a Porriño), unhos rexistros que fortalecen a moral dun equipo afeito a comezar o ano con bo pé.

“Volvemos á competición con moito ambición e responsabilidade. Pastoriza en casa é un rival incómodo”, Alberto Tamayo.

Alberto Tamayo, destacou en varias entrevistas ao longo da tempada a importancia de manter o espírito competitivo e a cohesión do grupo para afrontar cada partido coa mesma esixencia. En declaracións á nosa web, o adestrador subliñou que “tras o descanso, o obxectivo é volver coa mesma ambición de sempre. Manter o nivel de xogo, competir con intensidade desde o primeiro minuto e seguir sumando para consolidar a nosa posición na táboa”.

Rival
A Pastoriza preséntase como un rival de perfil competitivo e intenso, que foi de menos a máis ao longo da primeira volta a pesar de situarse actualmente na zona media-baixa da táboa con 10 puntos e un balance de 17 goles a favor e 30 en contra. Trátase dun equipo que alterna momentos de presión alta con fases de repregamento medio, e que atopa as súas mellores prestacións cando pode atacar en transición e aproveitar espazos ás costas da defensa rival. A nivel ofensivo conta con referencias claras como Sabela Veiga (8 goles) e María Candela (5 goles). Con todo, os seus números defensivos reflicten certa fraxilidade en fase de repregamento e na defensa da área propia, especialmente ante rivais con alta produción ofensiva, polo que a orde en campo propio e a xestión emocional do partido serán factores determinantes para o seu rendemento como local.

Check Also

A EFF Rosalía asina un triunfo de prestixio en Oleiros

O sénior vence en Iñás co dobrete de Noui e despois de aguantar 40 minutos …

Ir o contido