Remontada sobre a bucina para un Rosalía valente

Miriam asina o 2-2 no 90′ para premiar a fe das pontinas tras o temperán 1-0 de Silvia e o dobrete de Ambra Gjegji.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía e Vitoria CF “B” asinaron un vibrante 2-2 no Municipal de Oira que se decidiu co tempo cumprido e que deixou ás ourensás coa sensación de facer méritos para máis, especialmente tras unha gran segunda parte. O gol de Miriam no noventa desatou a alegría local e rubricou unha reacción tecida con paciencia, orde e empuxe. Antes, Sampayo adiantara ás pontinas cun man a man perfecto no 17’, pero Ambra Gjegji deulle a volta ao marcador con dúas poutadas case consecutivas (minutos 20’ e 23’). 

O duelo arrincou parello, cos dous equipos medíndose sen concesións. Rosalía golpeou primeiro: Karla iniciou por baixo, Añón filtrou longo a Zaira, parede de primeiras con Sampayo e definición cirúrxica ante Xiana. A resposta visitante foi demoledora ao contragolpe. Olivia acelerou por dentro e habilitou a Gjegji, que atacou as costas da zaga e empatou con tiro cruzado. Apenas tres minutos despois, un roubo en campo propio lanzou outra carreira da ‘dezasesis’ blanquinegra; gañou liña e bateu de novo a Karla para colocar o 1-2 no luminoso. Lonxe de virse abaixo, as pontinas refíxeronse a base de balón parado e chegadas. Bouzas colgou un córner que Añón cabeceou arriba cinco minutos despois da media hora de xogo e Aldarita probouno de lonxe antes do descanso.

Gjegji foi un pesadelo para a zaga ‘azul’.

Tras o paso por vestiarios, Tamayo moveu o taboleiro: reforzou o centro do campo, adiantou liñas e o seu equipo maniatou ao Victoria, que xa só atopou aire en balóns longos ben defendidos polas pontinas. As ocasións comezaron a caer: recuperación de Bouzas e envío ao espazo para Noui, que se topou con Xiana no man a man (minuto 58’), cinco minutos despois un disparo de Antía desde a frontal e un centro de Sampayo que Bouzas empalmou alto no minuto 84′.

O premio co tempo cumplido
A insistencia tivo premio no tramo final. No noventa, un centro tenso de Añón desde o sector dereito que Miriam amorteceu no punto de penalti, empuxouno á rede para o 2-2. E aínda houbo tempo para outra: servizo de Candela ao segundo pau e novo intento de Miriam que detivo Xiana. A última foi visitante, unha falta afastada de Gjegji blocada con seguridade por Karla.

“Quedome coa personalidade coa que competimos tras o 1-2 e coa achega de todas, tamén das que entraron desde o banco. Se afinamos o último pase e a definición, daremos un paso máis.” Alberto Tamayo, técnico EFF Rosalía

Punto de carácter para un Rosalía que competiu con madurez, corrixiu a tempo e dominou a segunda metade con personalidade. O equipo de Tamayo mantense na zona alta da táboa e reforza as súas sensacións antes do próximo reto ligueiro.

Vídeo: Partido completo.

Check Also

Rosalía asalta o liderado tras unha brillante victoria fronte ao Lóstrego “B”

A EFF Rosalía vence no Novo Miradoiro de Beade cun solitario gol de Laura Añón …

Ir o contido