O equipo de Alberto Tamayo pecha a pretemporada con vitoria e xa pensa no debut ligueiro ante o Vilalonga B
O Municipal de Oira viviu unha mañá de celebración con motivo do II Trofeo Internacional de Canedo, onde a EFF Rosalía impúxose ao Boavista FC (1-0) nun encontro igualado, con poucas ocasións, pero que serviu para reforzar a confianza do equipo ourensán antes da súa estrea ligueira na 1ª División Galega Feminina Arzúa-Ulloa DOP.

A xornada comezou cun ambiente especial, marcado pola presentación oficial de todos os equipos do club, que desfilaron ante unha afección que encheu de cor e apoio as bancadas do Municipal de Oira.
No deportivo, o partido decidiuse moi pronto: no minuto 13, un contragolpe conducido por Sara terminou cun centro ao segundo pau que Antía transformou no único gol do encontro. Antes, Noui xa tivera a primeira ocasión clara (min. 11’). O Boavista, ordenado en defensa e con bo trato de balón, apenas xerou perigo real, máis aló dun disparo de Inés que saíu pegado ao pau no minuto 25′ e varios intentos afastados de Frazao ben resoltos por Karla na segunda metade.
As pontinas, pola súa banda, trataron de ampliar a vantaxe con chegadas de Noui (74’) e unha falta directa de Sabela (86’), pero o marcador xa non se moveu. No plano individual, o gran partido de Sampayo e o bo papel de Mihret foron claves nun partido de moito esforzo colectivo.
Con esta vitoria, o conxunto dirixido por Alberto Tamayo levanta o II Trofeo Internacional de Canedo e pecha a preparación con sensacións positivas tras poñer o broche final a unha pretemporada na que sumou dúas derrotas (ante Lóstrego e Valladares) e tres vitorias nos últimos tres encontros preparatorios (San Mateo, Arroyofresno e Boavista). Un balance que permite chegar ao debut ligueiro con confianza renovada. Agora, o equipo centra todas as súas miradas na próxima fin de semana, cando se estreará na competición ligueira visitando ao Vilalonga B, no inicio dunha campaña ilusionante.




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino