Derrota pola mínima ante o San Pedro cun gol no primeiro minuto de xogo de Alba na ida da fase de ascenso.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía caeu pola mínima no Campo de Fútbol de Iñás ante o Atlético San Pedro no partido de ida da fase de ascenso a 3ª RFEF. Un gol de Alba Martínez no primeiro minuto decidiu un encontro igualado, no que as ourensás foron de menos a máis en varios tramos, pero non atoparon o camiño do gol. A eliminatoria queda aberta para o partido de volta.
O partido comezou costa arriba para o noso equipo. Apenas se cumpriu o primeiro minuto cando un despexe da defensa local acabou converténdose na acción do 1-0. Ainhoa anticipouse a Noui, cedeu para Alba Martínez e a atacante do San Pedro, nunha posición incómoda, conseguiu superar a Karla por arriba para adiantar ás locais. O golpe inicial non afundiu ao conxunto pontino, que foi crecendo co paso dos minutos. Aos seis minutos chegou o primeiro achegamento visitante, cunha boa acción de Sampi polo sector dereito. A xogadora do Rosalía internouse na área e cedeu para Noui, pero o seu remate saíu frouxo e detívoo Aroa. O equipo visitante volveu avisar no minuto 13′, de novo con Sampi como protagonista. A atacante gañou en carreira ao seu par, entrou na área e o seu disparo foi desviado por Aroa a córner. O conxunto de Alberto Tamayo trataba de instalarse en campo contrario, mentres o San Pedro esperaba a súa oportunidade para saír rápido ao contragolpe.
San Pedro controla o tramo final do primeiro tempo
Tras uns minutos de dominio visitante, o encontro foi cambiando a partir da media hora. O conxunto de Virginia do Río empezou a manexar mellor os tempos do partido e a atopar situacións cerca da área de Karla. Antes, Candela probara fortuna desde tres cuartos, aínda que o seu disparo saíu desviado. As locais tiveron unha ocasión importante no minuto 24′, cun balón colgado por Joana que Alba rematou de cabeza ao traveseiro, aínda que a xogada quedou anulada por fóra de xogo. Xa no minuto 33′, Noa Martínez centrou desde a esquerda e Joana rematou cunha vaselina que obrigou a Karla a intervir sobre a liña. Pouco despois, Uxía recuperou na medular e conduciu un contragolpe que terminou cun remate desviado de Joana desde a frontal.
“Faltounos algo máis de claridade nos últimos metros”, Alberto Tamayo.
Sen premio na segunda metade
A segunda parte mantivo a dinámica do tramo final do primeiro acto. O San Pedro controlou mellor o ritmo e buscou xerar perigo especialmente a balón parado, con envíos colgados á área. O noso sénior, pola súa banda, tivo dificultades para enlazar con claridade nos últimos metros, aínda que seguiu competindo e manténdose dentro do partido ata o final. No minuto 48′, Rocío tentouno cunha falta directa desde o sector esquerdo que blocou Karla. Catro minutos despois, as ‘azuis’ responderon cunha transición iniciada por Aldarita sobre Antía. O pase en profundidade cara a Sampi deixou á atacante en posición de remate, aínda que obrigada a disparar sen ángulo, e o balón acabou no lateral da rede. O San Pedro volveu achegarse cun disparo desviado de Joana no minuto 59. No 67’, Noa Martínez executou unha falta afastada que esixiu unha gran intervención de Karla, unha das accións máis destacadas da segunda metade.
Arreón final do Rosalía
Rosalía apretou no tramo final en busca do empate. A ocasión máis clara chegou no minuto 87′, cando Aldarita filtrou un bo balón para Sampi. A atacante entrou na área e o seu remate foi tocado por Aroa; Noui non chegou por moi pouco ao rexeite en liña de gol. Xa no tempo engadido, o San Pedro tivo unha última opción clara para sentenciar. No 90+2’, un saque longo de Aroa atopou a Joana, que se dispoñía a encarar soa a Karla, pero Añón apareceu de forma providencial para cortar a acción e enviar o balón a córner.
O 1-0 final deixa a eliminatoria aberta. A Escola de Fútbol Feminino Rosalía terá que buscar a remontada na volta, coa confianza de competer ata o último minuto e con todo por decidir.
“A eliminatoria está aberta e agora temos que preparar a volta con ambición”, Alberto Tamayo.
Alberto Tamayo, adestrador da EFF Rosalía, valorou o encontro tras o partido: “Encaixar tan pronto nos condicionou moito. O gol chegou practicamente na primeira acción do partido e iso sempre cambia o escenario, pero o equipo non caeu. Tentamos ter balón, buscamos avanzar por fóra e tivemos momentos nos que puidemos facer dano”. O técnico tamén destacou a importancia de seguir vivas na eliminatoria: “O resultado non é o que queriamos, pero é unha derrota mínima. A eliminatoria está aberta e agora temos que preparar a volta con ambición, tranquilidade e confianza. Xogamos en casa e imos necesitar a toda a xente empuxando”.
Por último, puxo en valor o esforzo do equipo: “As xogadoras competiron ata o final. Mesmo nos últimos minutos tivemos unha ocasión clara para empatar. Imos con rabia, pero tamén coa convicción de que podemos darlle a volta”.
FICHA TÉCNICA
1-San Pedro: Aroa; Noa Martínez, Alba, Helena, Joana, Rocío (Nekane 86′, Ainhoa, Lara, Lucía, Silvia (Eva 60′) e Uxía Balsa (María 46′).
0-Rosalía: Karla; Aldarita, Noa (Irene 86′), Sampi, Mihret (Losada 60′), Añón, Noui, Miriam (Nair 60′), Antía, Candela e Aline.
Goles
1-0 (minuto 1) Alba Martínez
Tarxetas
Amarela (minuto 28) Alba
Amarela (minuto 36) Uxía
Amarela (minuto 47) Zaira
Amarela (minuto 81) Losada
Amarela (minuto 84) Joana
Amarela (minuto 90) Noui




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino