4-0: Rosalía golea ao Pastoriza e afianza a segunda praza

Aldarita asina un triplete acompañada de Miriam nunha vitoria de autoridade en Oira.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía impúxose con claridade ao Pastoriza no campo municipal de Oira, no partido correspondente á xornada 28 da Primeira División Galega Feminina Arzúa-Ulloa DOP. O equipo de Alberto Tamayo dominou de principio a fin, non concedeu ocasións ao rival e resolveu o encontro nunha gran segunda parte cos goles de Aldarita, autora dun triplete, e Miriam.

As pontinas saíron decidididas a mandar desde o primeiro minuto. O conxunto local apropiouse do xogo, levou o peso do partido e acumulou chegadas ante unha Uxía moi segura baixo paus. Noui probou fortuna no 4’ cun disparo desde a frontal e, pouco despois, Antía tentouno desde media distancia e tamén cun tiro cruzado que marchou desviado. O dominio ‘azul’ continuou durante toda a primeira parte. Miriam obrigou de novo a intervir á gardameta visitante e Zaira tivo unha das máis claras no 41’, cando se coou entre as centrais e plantouse no man a man, pero Uxía gañou o duelo. Antes do descanso, Rosalía rozou o gol nunha falta directa de Antía que a porteira despexou ao traveseiro; o rexeitar cabeceouno Aldarita ao poste e o balón acabou finalmente en mans da gardameta.

Aldarita rompe o partido
Tras o paso por vestiarios, o Pastoriza replegouse con orde e tratou de esperar a súa oportunidade ao contragolpe, pero noso sénior seguiu insistindo. Sampi asistiu a Aldarita dentro da área no minuto 53’, aínda que Uxía volveu responder cunha boa parada. O premio chegou pouco despois. Aldarita recibiu en tres cuartos, virou, atopou espazo no balcón da área e soltou un potente chute para abrir o marcador. O 1-0 liberou definitivamente á Rosalía, que aumentou a súa vantaxe seis minutos despois da hora de xogo. Aline estrelou un disparo afastado no traveseiro e Miriam, moi atenta ao rexeite, asinou o 2-0.
A sentenza chegou apenas dous minutos despois. Aldarita iniciou unha xogada individual desde a medular, combinou con Sampi na frontal e cruzou o balón para facer o 3-0. A dianteira completou a súa gran actuación no tramo final, tras unha boa acción de Sampi, que a asistiu ao punto de penalti para que superase por abaixo a Uxía e pechase o 4-0 definitivo.

“O equipo tivo paciencia. Atopamos o gol e, a partir de aí, o equipo xogou con máis tranquilidade e foi moi contundente”, Alberto Tamayo.

Con este triunfo, a Escola de Fútbol Feminino Rosalía mantense na segunda posición da clasificación, con 65 puntos, a falta de dúas xornadas para o final. O equipo continúa en plena pelexa polas posicións de privilexio, Victoria CF ‘B’ xa ascendido matematicamente, deixa a loita para os candidatos a playoffs e o segundo e terceiro posto dan acceso a segunda plaza de ascenso.

FICHA TÉCNICA

4-Rosalía: Karla, Nair (Losada, 59′), Aldarita, Noa (Sanmiguel, 68′), Zaira (Mihret, 46′), Sampi, Añón, Noui (Antía Rguez, 59′), Miriam, Antía (Irene, 78′) e Aline.


0-Pastoriza: Uxía, Yaiza, Laura, María, Antía, Alexandra, Sofía, Sofía Maran, Antía, Sabela (Luna, 68′) e Vladlena Tarasova (Ainara, 62′).

Goles

1-0 (min. 61′) Aldarita
2-0 (min. 66′) Miriam
3-0 (min. 68′) Aldarita
4-0 (min. 87′) Aldarita

Vídeo: Goles do partido.


Check Also

1-0: Rosalía xogará o playoff de ascenso a Terceira Federación

O equipo pontino superou ao Antas en Oira cun gol de Candela no minuto 73′ …

Ir o contido