O equipo de Alberto Tamayo, que encadea dúas vitorias e un empate, recibe o conxunto bergantiñán na undécima xornada da Terceira Federación Feminina (domingo, 12:30 h; Campo Municipal de Oira; retransmisión en directo en tiivii.gal)
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta mañá domingo un novo compromiso ligueiro coa visita do Bergantiños C.F. ao Campo Municipal de Oira. As pontinas chegan á cita nun bo momento de confianza, despois de sumar sete dos últimos nove puntos.
O conxunto pontino venceu o Atlético San Pedro por 1-2 e o Victoria F.C. por 2-1, antes de empatar 1-1 ante o Atlético Villalonga. Esta dinámica permitiulle situarse na oitava posición da clasificación, con 11 puntos, tres máis ca o seu próximo rival. O noso sénior acumula tres vitorias, dous empates e cinco derrotas, cun balance de nove goles a favor e 17 en contra. Na faceta ofensiva, o gol está moi repartido: Zai, Laura e Sampayo suman dous tantos cada unha.
O partido esixirá concentración e intensidade durante os noventa minutos. As pontinas deberán manter a orde defensiva, controlar as transicións do Bergantiños e aproveitar a súa mellora nos últimos encontros para buscar a terceira vitoria da tempada.
“Chegamos con máis confianza, pero sabemos que o partido comeza de cero. O Bergantiños ten xogadoras con gol e obrigaranos a estar concentradas nas dúas áreas. Temos que competir cada duelo, ser ordenadas sen balón e aproveitar mellor os momentos nos que teñamos o control”, resaltou Alberto Tamayo na previa a nosa web. “Ao xogar na casa queremos que Oira nos dea enerxía desde o primeiro minuto e que o equipo manteña a súa identidade ata o final. Se facemos iso, teremos opcións de sumar tres puntos moi importantes”, engadiu o técnico.
Con tres puntos de diferenza entre ambos os equipos, o encontro preséntase como unha oportunidade importante para que o noso equipo amplíe a súa vantaxe e continúe afastándose da zona baixa da clasificación. O campo municipal de Oira acollerá un duelo no que as pontinas queren prolongar a súa reacción e converter as boas sensacións en puntos.
CONVOCATORIA

Bergantiños
O conxunto de Cruz Sánchez chega a Ponte Canedo na undécima posición, con oito puntos, tras conseguir dúas vitorias, dous empates e seis derrotas. O equipo bergantiñán marcou 13 goles e encaixou 27. Nas tres últimas xornadas perdeu ante o Orzán S.D. por 1-2, o P.M. Friol por 1-3 e o E.F.M. Concello de Boiro por 1-4. A domicilio presenta un balance dunha vitoria, un empate e tres derrotas. María Tojo é a súa máxima goleadora, con tres tantos. Rebeca Puente e Yara Cambeiro suman dous goles cada unha.
Datos do partido
- Competición: Terceira Federación Feminina, xornada 11.
- Encontro: EFF Rosalía – Bergantiños C.F.
- Data: domingo, 22 de novembro de 2026.
- Hora: 12:30 h.
- Estadio: Campo Municipal de Oira, Ourense.

E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino