As pontinas reaccionaron tras unha primeira metade de dominio visitante e completaron a remontada en Oira cun tanto de Zai no tramo final do encontro.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía conseguiu unha importante vitoria ante o Victoria FC na novena xornada da Terceira Federación Feminina. O conxunto de Alberto Tamayo tivo que remontar o tanto inicial das visitantes para acabar sumando os tres puntos grazas a un gol de Zaira no minuto 87.
Desde os primeiros minutos, o Victoria acumulou chegadas á área local. Raquel avisou cun remate de cabeza no minuto 3′ e, pouco despois, Uxía obrigou a intervir a Karla cun disparo desde fóra da área. O gol chegou no minuto 12′, tras unha longa combinación visitante que culminou Alba Calviño aproveitando un rexeite dentro da área (0-1). Martina converteuse nunha das principais ameazas visitantes, con varias accións individuais pola banda esquerda que puxeron en dificultades á defensa pontina, en especial a Aida. Tamén tiveron oportunidades Raquel, Laura Portabales e Carla Piñeiro, ademais de dúas claras ocasións tras saques de esquina no minuto 35′, que estiveron a piques de ampliar a vantaxe. Noso sénior apenas conseguía achegarse á área rival e chegou ao descanso por detrás no marcador.
Reacción e remontada
Na segunda metade, as pontinas deron un paso adiante e o encontro equilibrouse. O conxunto de Tomás Mougan mantivo a súa aposta polo fútbol de posesión, pero as locais gañaron intensidade e comezaron a buscar con máis decisión a portería contraria. Tras unha boa chegada de Sampi e un remate de Amelia que despexou Sabela, chegou o empate no minuto 65′. Nunha acción a balón parado, Laura aproveitou unha sucesión de rexeites para establecer o 1-1.
O gol cambiou a dinámica do encontro, aínda que o Victoria tamén dispuxo de oportunidades para volver adiantarse. Martina, Noa, Raquel e Enma tiveron opcións de marcar, mentres que Sampi tamén puido completar a remontada nun man a man que terminou cun remate demasiado cruzado. Cando o empate parecía definitivo, apareceu Zai, a ‘Francotiradora’. No minuto 87′, un balón longo de Aline provocou unha indecisión entre Laura Portabales e a Sabela, que aproveitou a dianteira pontina para marcar o definitivo 2-1. O conxunto visitante aínda buscou o empate nos últimos minutos, pero Karla respondeu con seguridade ante o último intento de Antía no tempo engadido.
Unha vitoria moi traballada da Escola de Fútbol Feminino Rosalía, que soubo sufrir ante un Victoria moi competitivo, mellorou tras o descanso e atopou o premio á súa insistencia cun gol decisivo nos últimos compases do encontro.
“O equipo soubo reaccionar e non deixou de crer na vitoria”, Alberto Tamayo.
O técnico pontino valorou a capacidade de reacción das súas xogadoras ante un rival que puxo as cousas moi difíciles na primeira metade. “Na primeira parte custounos atopar a saída ante un Victoria moi ben organizado. Tivemos que axustar cousas no descanso e, na segunda metade, o equipo deu un paso adiante, gañou metros e foi máis agresivo”. Tamayo tamén destacou a insistencia do grupo ata o final: “O empate de Laura foi importante para cambiar a dinámica. O equipo non deixou de crer e seguiu buscando a portería rival. Zaira estivo moi atenta na acción final e conseguimos tres puntos moi traballados”.
FICHA TÉCNICA


Goles
0-1 (minuto 12) Alba Calviño.
1-1 (minuto 65) Laura Añón.
2-1 (minuto 87) Zaira Fernández.
Tarxetas
Amarela (minuto 20) Miriam Bello.
Amarela (minuto 46) Irene Maneiro.
Amarela (minuto 78) Candela Bouzas

E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino