As pontinas adiantáronse por medio de Sampayo e ampliaron a vantaxe cun tanto de Amelia, pero tiveron que defender o resultado ata o último instante.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía sumou tres importantes puntos na undécima xornada da Terceira Federación Feminina tras impoñerse por 2-1 ao Bergantiños C.F. no Campo Municipal de Oira. As nosas completaron un encontro de moito traballo, no que souberon aproveitar as súas oportunidades e resistir ante a presión visitante.
O partido comezou da mellor maneira para as pontinas. No minuto 5′, Sampayo aproveitou unha recuperación de balón e, tras unha boa progresión de Amelia pola banda esquerda, recolleu un despexe defectuoso da defensa visitante para enviar o balón ao fondo da rede cun disparo raso pegado ao pau.
O Bergantiños reaccionou ao gol e deu un paso adiante na procura do empate. No minuto 8′, Zaida estivo preto de igualar o encontro cun saque de esquina que se estrelou no traveseiro. O noso equipo buscaba facer dano nas transicións e atopou máis presenza no centro do campo coa recolocación de Bonjoch, que mellorou a circulación e deu máis equilibrio ao equipo. Noui, Andrea e Aldarita tiveron ocasións para ampliar a vantaxe, pero Paola evitou novos goles antes do descanso.
Tras o paso polos vestiarios, o Bergantiños aumentou a intensidade e buscou con insistencia a igualada. Karla respondeu con seguridade aos intentos de Inés e Julia, mentres que Paola tamén tivo que empregarse a fondo ante unha boa ocasión de Amelia. No minuto 67′, Noui chegou a superar a porteira visitante cun potente disparo, pero o tanto foi anulado por fóra de xogo ante as protestas do público local. O segundo gol das nosas chegou no minuto 73′. Aldarita recuperou o balón na zona central e enviou un magnífico pase ao espazo para Amelia, que gañou a liña defensiva rival, superou á súa defensora e cruzou o balón ante a saída de Paola para establecer o 2-0.
O conxunto pontino dispuxo de novas oportunidades para sentenciar, pero a porteira visitante evitou que a diferenza fose maior con intervencións de mérito ante Andrea e Sampayo en ambos máns a máns claros para as ‘azuis’. O conxunto de Cruz Sánchez tampouco deixou de intentalo e obrigou a Karla a intervir novamente nos últimos minutos.
Xa no tempo engadido, María Tojo aproveitou un rexeitamento na frontal da área para recortar distancias e establecer o definitivo 2-1. As pontinas souberon manter a concentración nos últimos instantes para asegurar unha vitoria moi traballada diante da súa afección.
“Tivemos ocasións para pechar o partido antes”, Alberto Tamayo.
“Foi un partido moi esixente, no que tivemos que traballar moito para conseguir os tres puntos. Comezamos ben e soubemos poñernos por diante, pero o Bergantiños obrigounos a defender e a manter a concentración durante todo o encontro. Tivemos ocasións para pechalo antes, pero ao non facelo tocou sufrir ata o final. Quédome co esforzo e coa capacidade do equipo para competir e sacar adiante unha vitoria importante en Oira”, declarou Alberto Tamayo ao remate do encontro.
FICHA TÉCNICA


Goles
1-0 (minuto 5’) Sampayo
2-0 (minuto 73’) Amelia
2-1 (minuto 90’) María Tojo
Tarxetas
Amarela (minuto 59’) Laura Añón

E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino