A EFF Rosalía ascende á 1ª División Galega Feminina: premio ao traballo e a constancia

Noso senior ocupará a plaza do desaparecido San Roque Casablanca.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía xa é equipo de 1ª División Galega Feminina Arzúa-Ulloa DOP. Así o fixo oficial o Comité de Competición e Disciplina da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) na súa resolución do 16 de xullo de 2025, onde se confirma o ascenso do club ourensán tras a renuncia do San Roque Casablanca, que deixa unha vacante na categoría.

Este ascenso supón un logro histórico para o fútbol feminino de Ourense, que ve como un dos seus proxectos máis firmes e con maior identidade segue crecendo e dando pasos cara a cotas maiores. O Rosalía ocupará unha das 16 prazas na máxima categoría autonómica, xunto a clubs como Xallas FC, Orzán SD “B”, VDE Carral ou o Atlético San Pedro, nunha liga que cada tempada gaña en nivel, competitividade e visibilidade.

Unha débeda saldada co destino
Este éxito chega, ademais, cun sabor especial. Hai apenas dúas tempadas, a EFF Rosalía acariñou o ascenso coa punta dos dedos, pero un só gol no último partido privoulles de conseguilo, nunha xornada final que aínda doe na memoria de xogadoras e afección. Aquela mañá deixou unha cicatriz, pero tamén sementou unha semente de compromiso, resiliencia e motivación que deu os seus froitos nesta campaña.

Domaio venceu 0-2 en Oira, privando do soño do ascenso.

O club, lonxe de virse abaixo, redobrou esforzos: mantivo o seu bloque, fortaleceu a estrutura técnica, apostou pola canteira e consolidou unha filosofía de xogo baseada no esforzo colectivo, o bo trato ao balón e o orgullo de representar a Ourense cun proxecto exclusivamente feminino. O tempo fixo xustiza.

Un ascenso por méritos e por convicción
Aínda que o ascenso non se produce por vía directa da clasificación o conxunto pontino foi elixido entre os equipos con mellor dereito deportivo para cubrir as vacantes da categoría superior. A Real Federación Galega de Fútbol, tras a reestruturación do fútbol feminino nacional e as decisións do Xuíz Único de Competición da RFEF, resolveu que o club reúne as condicións deportivas e organizativas necesarias para competir en 1ª División.

Este ascenso é tamén un recoñecemento institucional ao crecemento dun club que leva anos sendo referencia en formación de xogadoras, promoción do deporte feminino e organización de eventos deportivos de base. O nome de Rosalía —co que renden homenaxe á figura da poetisa galega— xa forma parte do mapa competitivo do fútbol galego na súa máxima expresión autonómica.

Un futuro ilusionante
A próxima tempada preséntase como o maior reto deportivo na historia do club, pero tamén como unha oportunidade para seguir crecendo. Desde a directiva xa se traballa na planificación do novo curso, a confección do persoal e a mellora das infraestruturas, todo coa vista posta en consolidarse na categoría e seguir apostando polo talento local.

O ascenso non só é motivo de celebración para as xogadoras e o club, senón tamén para toda a comunidade que o apoia: familias, adestradores, seguidores, institucións e patrocinadores que creron nun proxecto que hoxe escribe unha das súas páxinas máis brillantes.

O fútbol galego ten un novo inquilino na súa elite autonómica. Parabéns, ‘azuis’.

Check Also

Lóstrego ‘B’-Rosalía: esixente proba polo liderado

As ourensás visitan esta fin de semana o Novo Mirador de Beade para medirse ao …

Ir o contido