A EFF Rosalía igualou un 0-2 adverso cunha gran resposta tras o descanso, pero dous goles consecutivos do conxunto visitante decantaron un encontro marcado pola intensidade e o nivel competitivo da categoría.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía non puido sumar ante o Lóstrego na cuarta xornada da 3ª Federación tras caer por 2-5 no Municipal de Oira. O conxunto pontino mostrou capacidade de reacción nun partido no que foi de menos a máis, chegando a igualar un 0-2 inicial, pero acabou sucumbindo ante un rival que aproveitou mellor os seus momentos e confirmou o alto nivel dunha categoría moi esixente.
O Lóstrego presentouse en Oira cunha boa disposición táctica que conseguiu manietar boa parte do ataque pontino. As visitantes pecharon espazos, dificultaron a saída de balón local e obrigaron ao equipo local ‘azul’ a xerar pouco perigo durante moitos minutos do encontro. Nos primeiros compases, o Lóstrego levou máis perigo sobre a portería defendida por Karla. Alexandra avisou cun disparo que se marchou ao lateral da rede e Adriana obrigou á gardameta local a intervir nunha chegada pola banda dereita. A insistencia visitante atopou premio no minuto 22′. Priscila gañou unha disputa a Laura tras un saque de banda e superou a Karla cun disparo por arriba para poñer o 0-1. O Lóstrego ampliaría a súa vantaxe oito minutos despois, cando Adriana apareceu no segundo pau para finalizar unha rápida acción ofensiva de potencia de Priscila polo sector ezquerdo e facer o 0-2. O noso equipo reaccionou antes do descanso. O equipo medrou no partido, aumentou a presión e atopou o premio no minuto 44′. Unha recuperación tras presión de Candelita permitiu a combinación entre Sampayo e Noui, rematando a capitá cun potente disparo que reducía diferenzas e Lucía non conseguiu despexar.
Na segunda metade chegou o mellor momento das pontinas. Máis cómodas no campo e con maior presenza ofensiva, as de Alberto Tamayo atoparon o empate no minuto 51. Amelia protagonizou unha boa acción pola esquerda e cedeu para Miriam, que cun magnífico disparo desde fóra da área colocou o 2-2 no marcador. Porén, cando mellor estaba Rosalía e parecía máis preto o terceiro gol local, o Lóstrego castigou con máxima eficacia. Dous goles practicamente consecutivos, de Paula no minuto 63′ e de Alexandra no 66′, volveron poñer terra de por medio e deixaron sen premio o esforzo das locais. O conjunto pontino non baixou os brazos e seguiu buscando acurtar distancias ata o final, pero as ocasións mais perigosas chegaron do bando contrario. Noa estivo preto de marcar nun remate de cabeza tras un saque de esquina, pero sería Priscila quen pecharía definitivamente o encontro no minuto 89′ cun potente disparo que supuxo o definitivo 2-5.
O encontro tamén deixou a expulsión de Alberto Tamayo no minuto 58 por protestar unha decisión arbitral, unha acción que o técnico pontino non entendeu e que condicionou a súa presenza no tramo final do partido.
“Non entendín a expulsión”, Alberto Tamayo
O adestrador da Escola de Fútbol Femenino Rosalía valorou o traballo das súas xogadoras e incidiu no proceso de adaptación ao novo nivel competitivo: “O equipo tivo capacidade para levantarse dun 0-2 e facer o empate nun momento no que estabamos mellor no partido. Creo que ese era o noso mellor momento, pero dous goles case consecutivos cambiaron totalmente o encontro”. “O Lóstrego fixo un partido moi serio. Tivo unha boa organización defensiva, soubo pechar os espazos e dificultounos moito atopar situacións claras de ataque. Hai que recoñecer que foi un equipo moi ben traballado”, añadiu ao remate do encontro.
Sobre a expulsión, Tamayo sinalou: “Non entendín a expulsión. Foi unha protesta nunha acción concreta, sen faltar ao respecto, e sorprendeume a decisión. En calquera caso, temos que centrarnos no que depende de nós”. O técnico tamén puxo en valor o salto competitivo que está a vivir o equipo nesta nova etapa na que “estamos vivindo en primeira persoa o que significa pasar de Primeira División Autonómica a unha categoría como a 3ª Federación. O nivel é moito maior, os erros páganse máis caros e cada detalle marca diferenzas. Estamos aprendendo, competindo e sabemos que este é o camiño para seguir medrando”.
FICHA TÉCNICA


Goles
0-1 (minuto 22’) Priscila
0-2 (minuto 30’) Adriana
1-2 (minuto 44’) Sampayo
2-2 (minuto 51’) Miriam
2-3 (minuto 63’) Paula
2-4 (minuto 66’) Alexandra
2-5 (minuto 89’) Priscila
Tarxetas
Vermella (minuto 58′) Alberto Tamayo
Amarela (minuto 60′) Miriam
Amarela (minuto 75′) Lucía
Amarela (minuto 90′) Candelita




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino