O conxunto pontino regresa ao Municipal de Oira co obxectivo de estrear o seu cadro de vitorias ante un Lóstrego que chega tras encadear dous triunfos consecutivos (domingo, 12:30 h; tiivii.gal).
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía afronta este domingo un novo reto na súa histórica primeira tempada en Terceira Federación. As de Alberto Tamayo reciben ao Lóstrego CF no Campo Municipal de Oira, a partir das 12:30 horas, no encontro correspondente á cuarta xornada do campionato, que poderá seguirse en directo a través da plataforma tiivii.gal.
O conxunto pontino regresa diante da súa afección despois do esixente desprazamento a Boiro. As ‘azuis’ marcharon sen premio de Vista Alegre (2-1), pero reaccionaron tras encaixar dous goles e Sampayo reduciu diferenzas antes do descanso. Ese tanto é, ata o momento, o primeiro do Rosalía nesta nova categoría. As de Tamayo chegan á cita na duodécima posición, aínda sen puntuar tras os encontros fronte a Orzán, Friol e Concello de Boiro. O balance é dun gol a favor e seis en contra, polo que Oira preséntase como unha nova oportunidade para transformar en puntos o traballo e a progresión mostrados nestas primeiras semanas de competición.
Para este compromiso, Alberto Tamayo recupera a Antía Rodríguez, unha xogadora que amplía as alternativas do técnico nun encontro que esixirá intensidade, concentración e eficacia nas dúas áreas. Por outra parte, perde a Noa para o que resta de temporada.
CONVOCATORIA

Un duelo pouco habitual entre os primeiros equipos
O encontro deste domingo presenta ademais un punto de interese histórico. Nos últimos anos, os cruzamentos do sénior pontino co club vigués producíronse fundamentalmente fronte aos seus filiais. Desta maneira será o primeiro partido oficial entre ambos equipos.
Lóstrego CF
O Lóstrego chega a Ourense instalado na sexta posición con seis puntos, froito de dúas vitorias e unha derrota. O equipo vigués suma catro goles a favor e tres en contra e afronta a visita a Oira despois de encadear dous triunfos. O seu inicio de campionato foi de menos a máis. Na primeira xornada caeu na casa fronte ao Victoria FC por 0-2, pero reaccionou vencendo ao Concello de Boiro por 1-2 e confirmou a súa melloría na pasada xornada cun 2-0 ante o Villalonga. Un dos nomes propios do seu inicio de Liga é Lucía Bouzón. A xogadora do Lóstrego asinou tres goles nas tres primeiras xornadas, tres dos catro tantos do seu equipo. Bouzón aparece ademais entre as máximas realizadoras do campionato.
EFF Rosalía – Lóstrego CF
Domingo, 4 de outubro | 12:30 h
Campo Municipal de Oira
Terceira Federación Feminina | Xornada 4
En directo: tiivii.gal
SOMOS PONTINAS!




E.F.F. Rosalia Escola de Fútbol Feminino