Comeza a pretempada

O adestrador catalán transmitiulles a súa ilusión polo ano que se aveciña. Daquela as futbolistas puxéronse o mono de traballo. Agora toca suar.

Acabáronse as vacacións. O balón botou a rodar no serán de onte no campo de fútbol das instalacións municipais de Oira. O primeiro equipo da Escola de Fútbol Feminina Rosalía comezou con moitas ganas a tempada 2022-23 baixo a batuta do corpo técnico comandado por Pere Tobaruela. Numeroso público animou ao grupo na posta de longo.

O Presidente Mario Gómez reuniuse no céspede co primeiro equipo nos prolegómenos do adestramento, e lanzoulles unha mensaxe para afrontar a nova tempada cun espírito renovado e para que cada unha das xogadoras e técnicos transmitan a ilusión que ten toda a EFF Rosalía de face ao futuro.

Con puntualidade británica saltou ao céspede o primeiro equipo e, despois dunha breve sesión fotográfica, as 20 xogadoras presentes no ensaio comezaron o traballo. Non foi un adestramento excesivamente longo, dunha hora e media aproximada de duración, e a preparación física centrou a sesión.

O senior completará tres sesións no que resta de semana, incluído o seu primeiro amigable. Esta tarde traballarase a faceta física no campo de fútbol 11, nunha sesión a partir das 21:00 horas. Mañá repetirase a idea, con outra sesión de traballo de velocidade. O domingo cerrarase a primeira semana cun amigable en Vigo fronte ao Sárdoma C.F.

Tobaruela tivo o primeiro contacto da tempada coas xogadoras.

O técnico atendeu aos medios oficiais do club ao termino na súa primeira comparecencia da tempada 2022/23: “Neste primeiro día vin ollos de ilusión nas xogadoras, ganas de aprender, compromido, intensidade, risas, compartir esforzos, suma forzas, equipo, gozando do noso deporte favorito. Iso mesmo agardo cada un dos adestramentos e partidos desta tempada”.

Pretempada
“Esta pretempada está planificada de forma que as xogadoras poidan practicar e asimilar os conceptos do noso modelo de xogo nas catro fases: defensa, ataque, transición ofensiva e transición defensiva, todo isto baseado na periodización táctica, unha maneira de facer na que as capacidades físicas, psicolóxicas e os conceptos técnico-tácticos están orientados, precisamente, ao propio modelo de xogo. En certa maneira, é o mesmo patrón que xa usamos o pouco tempo que estiven á fronte a tempada pasafa. Aquel tempo foi comprimido, agora dispoñemos de máis tranquilidade. A tempada seguirá o mesmo esquema, incidindo tamén na adaptación aos rivais que teñamos cada semana. Sumar adestramentos aos poucos cunha planificación adaptada ás xogadoras que conforman o equipo, en definitiva”.

“Temos que marcarnos un obxectivo: formar e aprender a competir”

Pere Tobaruela, adestrador eff rosalía senior

Equipo
“Teño un equipo ben novo, si. E alégrome por iso, porque a capacidade de aprendizaxe é maior. En certa maneira é lóxico isto. A EFF Rosalía, como o seu propio nome di, é unha escola, para formar en todos os sentidos, tamén na competición. É a filosofía, o signo de identidade do club, co cal identifícome plenamente. A partir de aquí creo que temos que marcarnos un obxectivo: formar e aprender a competir dunha maneira satisfactoria que permita consolidar o equipo para poder subir a Primeira Galega”.

Check Also

Rosalía-Praiña: a pola terceira vitoria seguida

O noso equipo, que encadea dúas vitorias seguidas, busca seguir o refacho no Municipal de …

Skip to content