Exhibición sen paliativos das azuis, que non tiveron piedade contra o Chantada
Vitoria sen compaixón da Escola de Fútbol Feminino Rosalía ante un Chantada (9-0) que acusou en demasía as baixas. As de Alberto Tamayo exhibíronse no Municipal de Oira, no partido máis completo dos catro que disputaron en Liga, onde sumaron 9 puntos ata a data.
Un gran día para Noui e Lú
A primeira gran ovación da tarde foi para Noui. A dianteira foi homenaxeada na previa do partido despois de chegar aos 100 partidos no senior do club. E, a segunda chegou tras o descanso, cando Lucía Pérez ‘Lú‘, volvía aos terreos de xogo 350 días despois da súa grave lesión a pasada campaña.
Vendaval antes do descanso
E as pontinas quixéronse regalar un partido destes no que collen ao seu rival e non o soltan ata o final, nun exercicio de tortura que se traduce nunha goleada case inevitable. A resistencia chantadina durou ata o minuto 12′, pese que a primeira chegada con perigo chegou desde o seu bando cun tiro de Rocío que Noa despexa a córner e ás ocasións de Sara, Bonjoch ou Zaira. Pero o guión parecía escrito para romper o encontro en catro minutos devastadores. Zaira descolgou un saque de esquina que Sampayo enviou ao fondo da rede cun cabezazo de ‘nove’ (1-0, min. 12′). Non contenta coa asistencia, a dianteira encárgase de marcar o segundo dous minutos despois. A ‘francotiradora’ recibe o esférico no balcón da área, avanza entre a liña defensiva e marca desde o punto de penalti. Inmediatamente despois, unha boa combinación entre Candela e Clau termina co pase a Bonjoch da última e o remate ao fondo da rede da centrocampista (3-0, min. 16′).
E as súas compañeiras sumáronse ao festival, con outros dous goles antes de terminar o primeiro tempo. Ao bordo da media hora de xogo, Andrea saca de meta e o balón termina aos pés de Noui, que encara á gardameta desde a frontal, anotando o cuarto. Zaira volveu tentalo dous minutos despois, o seu disparo sae desviado. O que si subido ao marcador foi o gol de Candela, e de moi bela factura. A centrocampista, reconvertida a central, súmase ao ataque, fai unha parede con Bonjoch, intérnase na área visitante e cruza ante a saída de Andrea para pechar unha primeira metade espectacular (5-0, min. 35′).
Dobretes de Candela e Bonjoch
Na segunda, as bigoleadores no encontro de onte, calcaron a xogada da primeira metade, rematada por Candela para subir o sexto ao marcador aos 4 minutos da continuación. Pero as pontinas non terminaran os deberes, nin moito menos. Faltaban aínda algunhas xogadoras por engadir o seu nome á lista de goleadoras. Por exemplo, Laura Añón, cun bo remate á saída dun córner (7-0, min. 53′), ou Aldarita. A macedá empezara como central, subindo ao centro do campo tras o paso por vestiarios, recibe a asistencia de Bonjoch para que anotase cun disparo cruzado (9-0, min. 72′).
Pero antes, á hora de xogo, Sara Bonjoch celebrou o seu primeiro dobrete do ano (8-0, min. 60′). A centrocampista recupera a posesión na saída de balón visitante e non dúbida en disparar entre os tres paus para marcar o oitavo. Faltaban aínda dúas liñas máis na acta, cun disparo de Noui e un remate de Andrea Rodríguez que non chegaron a sumar máis goles na conta final. Terceira vitoria do curso, sumando os últimos 9 puntos en xogo, escalando posicións na táboa clasificatoria.
FICHA DO PARTIDO
Rosalía: 9
Chantada: 0
Rosalía: Noa, Aldarita, Zaira (Andrea Rodríguez 46′), Clau, Sara (Sanmiguel 59′), Laura, Noui, Sampayo (Aline 59′), Candela (Matilde 59′) e Rodiño (Lú 46′).
Chantada: Andrea, Laura Pérez (Elisa 53′), Rocío (Tania 53′), Natalia, Andrea Mazaira, Rocío Carnero, Saray, Laura Rodríguez (Noa 66′), Lucía (Noa 46′), Noela e Laura.
Goles:
1-0 (min. 12′): Sampayo.
2-0 (min. 14′): Zaira.
3-0 (min. 16′): Bonjoch.
4-0 (min. 29′): Noui.
5-0 (min. 35′): Candela.
6-0 (min. 49′): Candela.
7-0 (min. 53′): Laura.
8-0 (min. 60′): Bonjoch.
9-0 (min. 72′): Aldarita.
Tarxetas: Natalia (19′) e Laura Rodríguez (40′).