0-2: Escapouse

A Escola de Fútbol Feminina Rosalía agarrouse con uñas e dentes ao seu soño do ascenso a Primeira pero terminóuselle escorrendo entre os dedos.

O noso equipo perdeu por cero a dous fronte ao Domaio FC na disputa polo ascenso a Primeira e, tras a vitoria mínima na ida por parte das pontinas, a gloria marchouse cara á parroquia de Domaio en Moaña. As visitantes adiantáronse de penalti ao comezo do partido e, tras o paso por vestiarios, Nuria enganchou un balón que deu a clasificación ás moañesas. O gol foi un xerro de auga fría para as pontinas, que xa non puideron volver cambiar a sorte neste playoffs por acceder á primeira categoría autonómica a pesar de rozar o gol nos últimos minutos.

O encontro comezou con dúbidas por parte das nosas, co 2-3 da ida como vantaxe e un rival experimentado, a eliminatoria empezou a torcerse no minuto 4′. Unha mala saída de balón recupéraa Pau ao bordo do marea, tenta combinar con Lara e o esférico impacta co brazo dunha das nosas centrais. Brais García non dúbida e sinala os once metros. Luka, do mesmo xeito que na ida, non falla desde o punto de penalti igualando a eliminatoria. As visitantes non retrocederon no seu xogo e intensidade, tiñan o encontro onde querían xerando moitas dúbidas nas nosas, que en ningún momento puideron despregar o seu xogo combativo. No tramo final da primeira parte, Vicky intérnase na área nun rápido contragolpe pero Moraña, moi atenta tapa o oco. Aos 40 minutos de xogo, Candela o intenta desde golpe franco, pero a gardameta visitante bloca sen problemas e, tan só un minuto despois, a ocasión máis clara para as azuis ata o momento. Un balón rebotado desde o centro do campo cae aos pés de Vicky, a dianteira encara a Moraña no man a man e o seu disparo sae alto.

Vídeo: Partido completo.

O guión o partido seguiu unha dinámica parecida ao da primeira metade, con todo cun segundo gol das moañesas. Aínda así, ao minuto de xogo, Noui provoca un córner que saca Zaira ao segundo pau e Laura remata de cabeza ao pau. Tras esto, chegou unha dobre ocasión para as de Tobaruela. Luka derruba a Zaira e Candela proba fortuna de lonxe. Unha vez superada a hora de xogo, Zaira remata en mala posición desde a frontal e o seu disparo deteno Moraña. Era o minuto 62′, a eliminatoria estaba igualada e o soño do ascenso en todo o alto. Con todo, impúxose a experiencia das vermellas que, no 72′, aumentaban a vantaxe no marcador por medio de Nuria. A interior remata á escuadra unha xogada que comezaba no centro do campo cun saque de banda de Lety, Luka colga o balón á área e o despexe da nosa defensa acaba aos pés de Nuria, que supera a estirada de Rocío, que nada puido facer. 0-2 e o ascenso en mans das de Victor González, que vía o partido desde a ‘barreira’, ao ser expulsado no minuto 52′. Aínda tería unha gran oportunidade de volver igualar a eliminatoria Ester á saída dun córner pero o seu remate sacao literalmente na liña de gol Eva. Á cuarta non foi a vencida, como titulabamos na previa e o ascenso a Primeira escapouse unha tempada mais, pero a xuventude dun plante augura éxitos vindeiros se o bloque segue medrando como na última campaña.

Check Also

O senior xa coñece aos seus rivais para a tempada 2024/25

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía queda encadrada no Grupo II da Segunda Galega.A Escola …

Skip to content