Tobaruela: “Está claro que hoxe non fun quen de transmitirlles ben que eran capaces de tirar adiante facendo o que saben facer”

“Tivémolo cerca, case na man, pero non soubemos aproveitar as oportunidades das que dispuxemos”, engadiu o técnico.

Pere Tobaruela compareceu en zona mixta do Municipal de Oira tras o partido de volta da final da fase de ascenso a Primeira. O adestrador da Escola de Fútbol Feminina Rosalía declarou: “Nun partido no que xogas o ascenso a valoración a curto prazo, por dicilo así, é evidente: non conseguimos ascender, polo tanto é unha valoración negativa. Visto con máis perspectiva non teño máis que salientar a gran temporada que fixeron as xogadoras, e non o digo por dicir. Foron quen de medrar, de saber estar, de chegar ata a final, mais sen premio. Como se di no noso mundo, fútbol é fútbol”.

O equipo non conseguiu facer o seu xogo
“Está claro que hoxe non fun quen de transmitirlles ben que eran capaces de tirar adiante facendo o que saben facer e teñen demostrado outras veces: xogar ao fútbol facendo unha proposta de control do partido a través da posesión do balón. Sufrimos cando non o temos. Pero diso tamén teñen mérito as rivais, que souberon contrarestarnos. Dito isto, non queda máis que felicitar ás xogadoras do Domaio, como xa fixen ao rematar o encontro, e desexarlles que a tempada vindeira gozen da experiencia de xogar en Primeira Galega”.

Domaio tivo un plan, cumpliuno e conseguiu ou premio
“Efectivamente, as xogadoras do Domaio executaron ben o seu plan de partido e souberon non deixarnos entrar en xogo. Como dixen, iso é merito delas”.

Eliminatoria final
“Unha valoración obxectiva da eliminatoria lévame a afirmar que o Domaio é o xusto vencedor, máis alá de que así sexa en realidade. Tivémolo cerca, case na man, pero non soubemos aproveitar as oportunidades das que dispuxemos”.

“Hoxe é un día duro para as xogadoras”

PERE TOBARUELA, adestrador EFF Rosalía Sénior

Plantel xoven que gaña experiencia con partidos así
“Está claro que o equipo tan novo da Escola de Fútbol Feminina Rosalía ha medrar, de feito xa medrou, pero non tanto pola mala experiencia de caer derrotadas hoxe. Medraron e han seguir medrando polo traballo semanal e pola súa capacidade e vontade de aprender. Máis alá disto, hoxe é un día duro para elas”.

Valoración da tempada
“Valorar en poucas liñas unha tempada é ben díficil. Direi dúas cousas que en certa maneira redundan co que acabo de dicir. A primeira, o equipo mellorou, medrou. A segunda, non conseguimos o obxectivo de ascender”.

Futuro
“O futuro é ben difícil de predecir, mais a simple vista creo que está claro: a Escola de Fútbol Feminina Rosalía, empezando polo equipo sénior e pasando por todas as xogadoras das distintas categorías, está a medrar desde hai tempo e vai seguir medrando. Elas, as xogadoras, son as verdadeiras protagonistas, e van chegar ata onde queiran chegar. Con traballo e esforzo van conseguilo. Só hai que axudalas, deixar e respectar o seu espazo, confiar nas súas capacidades, potencialas, e deixar que aprendan e sexan elas mesmas as que den o paso adiante… É a miña maneira de ver o fútbol”.

Check Also

Presentado o trofeo internacional fútbol feminino de Canedo

Sampayo, Candela e Yuse asistiron ao Pavillón de Os Remedios en representación da EFF Rosalía.No …

Skip to content