3-1: Clara vitoria despois de dúas xornadas

Os tantos de Sampayo, Bonjoch e Zaira aseguraron os tres puntos ante Vitoria CF ‘C’.

A Escola de Fútbol Feminino Rosalía asinou a oitava vitoria ao sumar os tres puntos fronte ao Vitoria FC ‘C’ nun duelo que quedou resolto nos primeiros 45 minutos cos tantos de Sampayo, Bonjoch e Zaira. Diana Patricia recortou distancias a volta de vestiarios pero a vitoria non perigou en ningún momento.

Resumo cos goles do partido.

Facía falta sentir de novo a vitoria na Ponte e viño da mellor maneira: con goles. Na undécima xornada, a Escola de Fútbol Feminino Rosalía foi superior ao Vitoria ‘C’ ao que lle meteu tres, dominando a posesión e ocasións. O primeiro gol puido chegar pronto cun remate de Sampayo que saiu desviado ante a saída de Ana. Inmediatamente despois un centro de Candela desde o sector esquerdo non atopa portería tras o remate de Zaira. Aos oito minutos de xogo chegou o 1-0. Sampayo adiantou ás pontinas tras un balón en longo de Noa e o posterior erro no despexe da zaga visitante, situación que aproveitou a centrocampista para presentarse soa ante Ana e cruzar o esférico.

O noso equipo dispuxo de varias ocasións antes de marcar o segundo, pero os remates de Bonjoch e Zaira non viron portería. Ao cuarto de hora de xogo, Bonjoch recupera o esférico na área visitante, forcéxea con Ana pola posesión e Zaira acaba marcando, pero Borrajo Fernández anúlao por falta previa da centrocampista. No 18’, un rápido contragolpe iniciado por Sampayo termina en Bonjoch e o seu disparo rexeitouno a gardameta visitante cunha gran intervención. Dous minutos despois, un centro desde a esquerda de Bonjoch despéxao Irene con Zaira esperando a empuxala en boca de gol. As chegadas eran continuas, pero a puntería non era a máis acertada, como nas tres chegadas previas ao segundo. Primeiro, Candela remata alto desde 25 metros, a continuación, Zaira cruza en demasía o balón ante a saída de Ana, novamente, a dianteira estrela o balón no poste no minuto 31′. Non fallou Bonjoch na seguinte, a centrocampista segue de dulce e o seu remate en área pequena tras un centro de Clau aumentou a vantaxe para as locais no minuto 36′. Dous minutos antes do asubío que sinala o descanso chega o terceiro. Internada de Bonjoch pola esquerda, avanza ata a área pequena e o seu centro ao segundo pau atopa o remate de Clau que despexa Ana aos pés de Zaira, rematando a barbadesa ao fondo das mallas.

Tediosa segunda metade
As santiaguesas ofreceron unha mellor imaxe a volta de vestiarios, demostrárono anotando un tanto e creando as mellores ocasións. Así, no minuto 50′, Sheila consegue rematar un centro de Irene, pero o seu remate o bloca Noa ben colocada. Cinco minutos despois, recortaron distancias por medio de Diana Patricia. A xogada iníciase no sector dereito cunha combinación entre Lucía e Maitane que, ante a presión de Aldarita, cede atrás ao remate afastado de Diana, que supera por alto á nosa gardameta (3-1, minuto 55′). A resposta do conxunto de Alberto Tamayo cun remate de Noui que bloca Ana, despois dunha gran xogada individual de Aldarita. A última ocasión con perigo chegou a balón parado. Xiana executa un córner que remata alto Irene. Tres puntos, tres goles e a afección volveu gozar das súas cunha nova vitoria, oitava da tempada, despois de dous tropezóns consecutivos.

Check Also

Rosalía-Chantada: Un partido de nove (9-0)

Exhibición sen paliativos das azuis, que non tiveron piedade contra o ChantadaVitoria sen compaixón da …

Ir o contido