Os goles de Lú, Clau e Aline dan á EFF Rosalía os últimos tres puntos do 2024.
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía colleu velocidade de cruceiro novamente e ante o Noia asinou a terceira vitoria consecutiva, coa que despide o ano en curso. O noso equipo encarrilou o encontro na segunda metade, na que marcou os tres goles, dándolle a volta ao gol inicial de Melania. O primeiro foi de Lú, o segundo de Clau e o terceiro levou o selo de Aline. Mala primeira parte local, con moitas baixas, entre elas a de Noa, porteira titular, cubrindo o seu posto Noui e mellores sensacións na segunda, con dominio e varias ocasións para marcar máis goles.
As de Sara García demostraron desde o inicio que querían os tres puntos e adiantáronse un minuto despois do cuarto de hora de xogo. Antes, Melania probou sorte, pero o seu disparo saíu desviado. Non pasaría o mesmo no minuto 16′ ao rematar dentro da área un centro de Alba desde o sector esquerdo. A resposta local chegou cun disparo de afastado de Lú que bloca Mar sen problemas. No minuto 27′, Alba é a encargada de executar un córner que Melania centra á zona do ‘nove’, rematando Uxía ao traveseiro. Seguiron insistindo as noiesas cun novo disparo de Alba que detén Noui. A primeira parte terminou cunha boa chegada de Sara despois de desfacerse de Uxía e non conseguir superar a Mar.
Remontada
A Escola de Fútbol Feminino Rosalía saíu dominadora e así logrou o obxectivo de remontar o gol visitante. Logrouno despois de varias chegadas con perigo de Bonjoch, Miriam e Candela, sendo as máis perigosas as das dúas últimas con senllos disparos afastados que pegan no traveseiro, todo antes da hora de xogo. O empate chegou aos 69 minutos. Candela sacou un córner desde a dereita, Mar non acerta no despexe e Lú definiu no segundo pau. Non se conformaron as pontinas e chegou a remontada nunha acción defensiva de Clau, presionando a saída de balón visitante e logrando marcar o segundo a porta baleira.
A EFF Rosalía xa encarrilara o encontro cos dous goles e tamén se atoparon novamente co pau nun disparo de Aldarita. Unha vez superado o tempo regulamentario chegou o terceiro nunha boa xogada persoal de Aline, que marchou de dous rivais no 91′ e definiu, tras regatear á gardameta rival e marcar. O gol inicial visitante non foi suficiente e chegou o terceiro triunfo consecutivo do noso equipo, que marcou nos trece partidos oficiais desta tempada (41 tantos). Agora, toca descanso ata o 12 de xaneiro coa visita do Porriño ao Municipal de Oira e descasar esta próxima xornada.



