A Escola de Fútbol Feminino Rosalía volve arrincar motores de cara á preparación da ilusionante 2020/21.
As discípulas de Miguel Saa póñense de novo en marcha e farano hoxe mércores día 2 de setembro nas instalacións do Monte da Aira de Velle. O plantel do equipo senior da EFF Rosalía exercitarase a porta pechada seguindo o protocolo oficial do club de seguridade sanitaria a partir das 20:00 horas dando comezo desta maneira a pretempada 2020/21 e realizará toda a pretempada nas instalacións do Monte da Aira despois de pospoñer o comezo que estaba previsto para o 17 de agosto.
A EFF Rosalía terá por diante sete semanas de preparación antes do inicio dunha nova edición da 2ª División Autonómica Galega Feminina, que arrincará previsiblemente a finais de outubro, aínda que as datas non están confirmadas pola Federación Galega de Fútbol.
Pola súa banda, os equipos de canteira da Escola de Fútbol Feminino Rosalía aínda non teñen data de volta pero a intención do club é que, en canto as autoridades sanitarias da Xunta de Galicia cambien o protocolo deportivo e permitan o contacto físico, comezarán a planear as pretemporadas dos equipos infantil, Promesas A e B cos técnicos de cada equipo.