A EFF Rosalía chegou a un acordo coa futbolista Isis Sanmartín para que siga defendendo o escudo e as cores da entidade ourensá ata o próximo 30 de xuño de 2021.
A xogadora aceptou a oferta de renovación da entidade e seguirá vinculada ao proxecto deportivo do Rosalía a próxima tempada, cumplindo así sua terceira tempada na entidade.
Isis Sanmartín (Santiago de Compostela, 1994) chegou a Escuela de Fútbol Femenino Rosalía en decembro de 2017 como axudante de Alba e un ano despois foi unha das directivas fundadoras do club o 5 de xullo do 2018, momento dende o cal se comprometeu como xogadora tamén ao crearse o equipo de senior da EFF Rosalía, ademais de colaborar na área social do club desde a súa fundación.
A defensa trátase dun do alicerces do vestiario da EFF Rosalía sénior e, inda que na tempada pasada por motivos laborais e de certos problemas de saúde, non brillou como na primeira tempada, Miguel confía en recuperar o seu mellor nivel que será clave para competir ao nivel que espera o club esta tempada.
A xogadora, unha vez renovada polo club destacou: “Renovar pola EFF Rosalía supón para min continuar nun proxecto que considero moi especial. Faime sentir moita ledicia seguir a formar parte desta plantilla que ten tanto que loitar esta tempada e poder seguir gozando do fútbol no campo, da man das miñas compañeiras”.
Preguntada que como afronta esta nova tempada indicou: “A pesar da situación actual, teño moitas ganas de adestrar e xogar cas miñas compañeiras. Iso si, respectando sempre as medidas que se nos propoñen para isto. Desta tempada que se nos aveciña agardo poder defender con moita forza e moita ilusión o escudo da escola e poder ir alcanzando obxectivos cada vez máis ambiciosos. Non só pola parte das compañeiras e de min mesma, se non tamén do equipo técnico e do directivo do cal tamén formo parte. Desexo que rememos todas na mesma dirección. A nivel individual penso que teño que manterme concentrada e tratar de meterme fisicamente ben, para poder cumprir o meu compromiso como xogadora”.
“A nivel individual a tempada pasada foi mala, atípica e difícil de levar. Aspectos laborais e de saúde leváronme a ausentarme en gran parte dos adestramentos e da competición. A miña motivación diminuíu a medida que avanzaba a tempada”, sinalou a Compostelá.
Sobre o nivel do equipo a pasada campaña afirmou: “Por outra banda a nivel colectivo penso que foi unha tempada con altibaixos pero que nos fixo medrar como futbolistas con respecto a tempada anterior. Aínda con moito que mostrar e con esforzo, esta tempada será moito mellor que a pasada”.
“A aparición do covid foi a gota que colmou o vaso para acabar precipitadamente unha tempada que non viña sendo nada boa a nivel individual. O confinamento trouxo un estancamento, perdendo fisicamente e psicoloxicamente o traballado anteriormente. Persoalmente, foron meses con moita carga de traballo e moitos momentos difíciles. A pesar de todo, agora toca enfocarse no que está por vir e levar todo o aprendido e vivido nestes últimos meses. Respecto ao covid, toca seguir evitando que retrocedamos a unha situación peor. Fai falta moito sentidiño e ter moi claras cales son as condutas adecuadas se queremos practicar este deporte durante a tempada 20/21”.
Mario Gómez, presidente da EFF Rosalía mostrouse: “moi ledo pola renovación de Isis. A santiaguesa leva colaborando con nós dende o día un do proxecto e leva axudándonos moito. É certo que por diversos motivos persoais a tempada pasada non foi quen de axudarnos onde máis a necesitamos, que é asistindo a tódolos adestramentos, debido ao seu carisma e liderado dentro do equipo. Só toca esperar que esta tempada a saúde a respecte moito máis e tratar de axudala para que se sinta cómoda, xa que iso daranos a súa mellor versión”.