A EFF Rosalía Cadete cae ante o Sárdoma (1-3)

As azuis foron derrotadas nun duelo que se puxo costa arriba desde o primeiro minuto de partido.

Derrota dolorosa da Escola de Fútbol Feminina Rosalía Cadete en casa e ante un rival directo que soubo xogar mellor as súas cartas (1-3). O conxunto pontino sabía da importancia do choque, diante o líder do subgrupo D, pero pronto demostraron as viguesas que ían pola vitoria desde o asubío inicial. Chegouse ao minuto dous de encontro cando Lola collía o balón ao bordo da área e tiraba a porta. O seu disparo desviábao Aldara a córner.

A resposta local catro minutos despois na única chegada con perigo da primeira metade. Clau saca un córner que ela mesmo provocara e o remate de cabeza de Sanmiguel no segundo pau sae alto. A presión na saída de balón das pupilas de Adrián Conde provocou que as nosas non estivesen cómodas e que o seu equipo enlazase ocasión tras ocasión na área defendida por Aldara primeiro e logo por Paula. E así chegou o primeiro de Adriana. Rebeca recolle un despexe da nosa defensa e o seu centro remátao no segundo pau a dianteira viguesa. O gol espoleó ás visitantes, que antes de aumentar a vantaxe enlazaron tres ocasións de Adriana, Lara e Rebeca. Á cuarta chegou a vencida e María, tras recuperar ao bordo da área, cruza o balón ante a saída da nosa gardameta. As viguesas subían as súas liñas de presión e o centro do campo pontino non atopaba o seu espazo para construír. Co tempo cumprido, Lola intérnase na área desde o sector dereito e o seu disparo supera por alto a Paula e o partido íase ao descanso con 0-3 no marcador.

Despois do paso por vestiarios o guión volveu ser o mesmo. Unha vez transcorridos os primeiros dez minutos, Aldara realiza unha gran intervención ao disparo de falta de Iria. Catro minutos despois, a nosa gardameta volveu desbaratar unha contra rematada por Adriana. De aí ata o final, as de Tamallo tentaron subir liñas e leváronse o premio a tres minutos do final. Sanmiguel recupera na área rival, o seu remate rexéitao a defensa e Xiana mándao ao fondo da rede. Xa non houbo tempo para máis, a EFF Rosalía Cadete encaixa a primeira derrota da segunda fase desprazando ás nosas ao quinto posto.

Check Also

O Azul dobrega ao Amarelo no derbi da Liga Cadete

Nun derbi vibrante, con gran ambiente nas bancadas, os goles de Xiana serviron para levarse …

Skip to content